Galicia pide… máis madeira!

Máis madeira. Medra a febre en Galicia. Non hai espazo no que este material renovable, reciclable e reutilizable non gañe protagonismo. Desde os letreiros das cafetarías aos mostradores de hoteis ou as estruturas de vivendas unifamiliares, a madeira volveu para tentar desbancar a rivais como o mármore ou o aluminio, menos eficientes desde o punto de vista enerxético. Aínda que os seus defensores reivindican a beleza e versatilidade do material, son moitos máis os que puxeron os seus ollos nela polo rol clave que podería ter na bioeconomía.

Non queda tempo que perder. O Green Deal europeo fixou unha redución de entre o 50 % e o 55 % das emisións de CO2 á atmosfera para o ano 2030. Un calendario tan ambicioso que esixirá enormes esforzos, pero abrirá as portas a novas oportunidades. Tamén para a actividade madeireira e forestal en Galicia, que emprega de forma directa a uns 21.190 traballadores na comunidade. O 48 % están activos na industria madeireira, o 24 % na silvicultura e a explotación forestal. O 20 % na fabricación de mobles e o 8 % na industria do papel. «A industria forestal desempeñará un papel fundamental tanto pola fixación do CO2, e polo seu altísimo potencial de substitución doutros produtos. Será sen dúbida a panca que axude a outros sectores na transición cara a unha nova bioeconomía», sosteñen as autoridades galegas.

Trátase dun sector infradesenvolto para a importancia capilar que ten na economía. Os tentáculos da cadea forestal alcanzan ao 80 % dos sectores produtivos galegos. O peso de Europa na cota mundial de produtos madeireiros leva en caída libre desde a década de 2000, unha tendencia que Galicia puido amortecer nos últimos cinco anos. O 2020, e a pandemia pola que será lembrado, levarán por diante un 26 % da facturación das empresas da comunidade dedicadas ao sector, segundo estimacións da Xunta de Galicia, que admite a necesidade de prestar apoio ao sector para «fomentar, sobre todo, a demanda interior» agora que a incerteza está a apropiarse do mercado exterior.

O Executivo galego, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, lanzou un programa con catro liñas de axudas por 1,7 millóns de euros. Baixo o paraugas do #XERAproxecta, inxectaranse fondos para elaborar proxectos de naves e establecementos de negocios que utilicen produtos de madeira nas súas estruturas. Outra das liñas de axuda ten como obxectivo subvencionar o 80 % dos proxectos de vivendas unifamiliares que incorporen madeiras como a do castiñeiro ou o piñeiro como elemento estrutural, cun tope máximo de até 16.000 euros. A terceira liña de axudas desembolsarase para sufragar os custos das obras en negocios que incorporen produtos de madeira, xa sexa cartelaría ou reformas de espazos interiores e exteriores, escaparates, mobiliario a medida, acondicionamento acústico, pavimentos e revestimentos. A última pata do programa de axudas ten como protagonista ao packaging, isto é, o empaquetado e os envases.

Fonte: La Voz de Galicia