Galicia reduciu a brecha de xénero na utilización de internet a un escaso 0,6 por cento, o que na práctica supón case a súa eliminación. Así o permite constatar un informe específico difundido polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia, publicitado pola Xunta, que recolle como nos últimos tres anos, desde 2016 a 2019, esa brecha de uso entre homes e mulleres se recortou nun 80 por cento, de xeito que o uso da rede polas mulleres galegas “alcanza” a media rexistrada na Unión Europea.
Nalgún caso, as mulleres van por diante dos homes no recurso ao mundo virtual. Como explica o Executivo galego, “cando se consegue un nivel formativo secundario ou superior, o uso de internet é igual ou superior para as mulleres que para os homes”. Esta situación de maior uso feminino esténdese até os 64 anos.
Tamén sacan vantaxe aos galegos no uso de computador e teléfono móbil, sempre coa limitación das idades máis avanzadas, e destacan así mesmo á hora de comprar por internet: así, segundo os datos, tres de cada catro mozas galegas de entre 16 e 24 anos de idade compraron de forma online, o que supón 6,1 puntos máis que os homes no mesmo tramo de idade. Unha vez máis, a proporción de mulleres que adquiren algún tipo de produto ou servizo a través da rede é máis elevada que a dos homes en todos os tramos de idade se son inferiores aos 55 anos. Non obstante, no cómputo global son eles os que logran unha porcentaxe superior en 2,1 puntos.
O informe tamén analiza a interacción telemática coas administracións e no uso da denominada eAdministración as diferenzas, desde a perspectiva de xénero, son “mínimas”, apunta o Executivo galego. Tanto no que respecta á obtención de información como á descarga e entrega de documentación, pasando pola obtención de documentos persoais, a brecha de xénero é inferior aos dous puntos porcentuais.
Fonte: Faro de Vigo