Galicia impulsa os avances para o tráfico aéreo da vindeira década

Do mesmo xeito que os controladores aéreos ordenan o tráfico de avións, nos próximos anos os ceos tamén necesitarán sistemas para vixiar a actividade dos vehículos non tripulados, cun peso cada vez maior no espazo aéreo debido á súa proliferación. Os chamados drons permitirán transportar mercadorías, persoas ou realizar tarefas de vixilancia con maior facilidade a medida que pase o tempo, polo que os marcos regulatorios e as ferramentas de control do tráfico xa se preparan para un novo escenario que está por chegar.

Por iso, a Xunta apoia desde hai dous anos a Unidade Mixta de Investigación AIRUS (Automatic Intelligent SeRvices for U-Space), na que participa o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a multinacional tecnolóxica Everis Aeroespacial, Defensa e Seguridade (Everis ADS). A iniciativa conta cun orzamento de 2,2 millóns de euros e ten como obxectivo facilitar a integración eficiente e segura dos drons no espazo aéreo, coñecido como contorna U-Space, na que o consorcio xa se situou a nivel internacional.

«Vai ser un tráfico distinto, por iso hai que desenvolver un sistema específico», explica Analía López, directora da división de sensórica e sistemas aéreos non tripulados do ITG. Coñecedora do proxecto da unidade e do desenvolvemento das solucións tecnolóxicas necesarias, López describe un escenario no que, para que haxa negocio, haberá moitos drons voando de forma simultánea. «En dez ou quince anos pode haber centos ou miles de drons sobrevoando as cidades», afirma López, á vez que engade que, precisamente por iso, «os operadores que dean servizo deben ter as mesmas oportunidades para acceder ao espazo aéreo, que non haxa preferencias e que as prioridades sexan por temas de seguridade».

Desde a Unidade Mixta de Investigación AIRUS, un total de 16 enxeñeiros das dúas entidades participantes desenvolveron un simulador de tráfico e unha plataforma web de xestión e provisión de información aeronáutica. O obxectivo é conseguir avances para que un operador que queira transportar un paquete poida solicitar un plan de voo e que o sistema llo acepte en cuestión de segundos.

«Agora pódese voar nunha cidade se a regulación o permite, pero os permisos para conseguilo levan moito tempo», apunta Analía López sobre a falta dun sistema automático para facer estas xestións. Entre os servizos necesarios para este novo escenario, tanto o ITG como Everis ADS están a traballar en sistemas de seguimento de posición ou de información aeronáutica precisa. No caso deste último, proporcionar aos operadores datos sobre zonas prohibidas ou sobre como é o terreo será de vital importancia para o seu impulso.

En canto ao posicionamento, este tamén resulta clave para alimentar outros servizos que detectarán se hai conflitos e que terán que resolver, alertando ao resto de drons cando haxa unha emerxencia provocada, por exemplo, por algún que se desviou por problemas.

Fonte: La Voz de Galicia