A Asociación de criadores da raza porcina celta (Asoporcel) colabora coa Asociación para o Desenvolvemento do territorio Interrexional do río Eo (Intereo) nun proxecto de investigación denominado Forescelta. O seu obxectivo será o de exportar o seu sistema automatizado e patentado para a cría de Porco Celta a dúas comunidades de montes, unha galega e outra asturiana.
«Este sistema está pensado para aproveitar grandes superficies de terreo que están en desuso», explica Iván Rodríguez, director técnico de Asoporcel. O novo proxecto de investigación permitirá comprobar os efectos que a acción dos animais ten sobre eses chans. Executarase durante os próximos dous anos e conta cun orzamento de 500.000 euros. Ademais das entidades mencionadas, colaborarán a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o servizo rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida), a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), a asociación de criadores de Gochu Asturcelta (AGCA), a de propietarios forestais do Occidente de Asturias (Asforocas) e o monte veciñal de Carballo.
Para a realización do proxecto seleccionouse á comunidade de montes de Mestre, en Ribeira de Piquín, e a outra de Asturias. A idea é que estas dúas entidades implanten, nos vindeiros meses, o sistema que foi patentado en Friol. Este consiste nun curro central duns 800 metros cadrados de superficie que, no seu interior, acolle camas, comederos, bebedoiros e un espazo para pesar e cargar os animais. Funciona de forma completamente automatizada e, por iso, é necesario adestrar aos animais que alí se crían. Tras un proceso de aprendizaxe, estes responden á campá, que lles indica cando deben volver ao curro.
«O curro ten unha porta automática que se abre pola mañá e, a última hora do día, despois de que soe a campá, péchase de novo», conta Rodríguez. Deste xeito, os animais poden pastar libremente polos arredores, limpando o terreo e, cando é a hora, resgárdanse para pasar a noite comodamente.
Con enerxía solar
Varias son as vantaxes que presenta este sistema. A primeira, que é completamente sustentable e funciona utilizando a enerxía solar. A maiores, é portátil, é dicir, pódese trasladar facilmente a outros lugares do monte, o que permite que os animais se movan por diferentes superficies de terreo. Tamén está completamente automatizado e conta con cámaras de vídeovixilancia.
Todas as entidades que forman parte deste proxecto irán realizando todo tipo de estudos sobre vantaxes e problemas cos que se atopan estes animais. Investigarase, por un lado, as consecuencias que a presenza do Porco Celta ten para o chan no que pastorea, e tamén os efectos que ese tipo de alimentación ten sobre a carne dos animais, entre outros aspectos.
Fonte: La Voz de Galicia