Galicia mellora en innovación pero arrastra importantes debilidades, que a seguen situando por detrás dun dos seus principais competidores, o Norte de Portugal, e tamén por baixo da media da UE. É o diagnóstico que arroxa o último Informe de Innovación Rexional da Comisión Europea, correspondente ao ano 2021. Galicia consegue escalar 34 postos no ranking europeo. Se hai dous anos ocupaba a praza 190, agora sitúase na 156 dun total de 240 rexións. Con todo, a pesar de que mellora na maioría dos indicadores analizados falla nun clave: o gasto en I+D do sector público e privado, que non só empeora respecto de 2019 senón que segue moi afastado da media europea.
A Comisión Europea avalía 21 indicadores para valorar o grao de innovación das rexións, un factor clave que determina o grao de fortaleza das súas economías. Galicia sitúase no grupo de rexións de innovación moderada, pero no nivel baixo pois leva o engadido dun negativo. A súa cualificación mellorou en 16 puntos en dous anos até os 78,9 sendo a media europea de 100. Se se compara co resto de España ocupa o oitavo posto no ranking, moi por detrás de rexións encadradas na categoría de “fortes” como País Vasco ou Madrid.
A maior fortaleza de Galicia está no seu marco institucional. O sistema educativo e as políticas activas de emprego son considerados elementos alentadores da innovación. E, grazas a iso, a comunidade galega sitúase por enriba da media da UE en porcentaxe de poboación con estudos superiores, en aprendizaxe permanente e en número de fogares con banda ancha.
A debilidade de Galicia está na I+D, que non é o mesmo que a innovación. A investigación mídese como o investimento para adquirir coñecemento e a innovación é aplicar ese coñecemento para ampliar capital e ser máis competitivos. Os expertos defenden que a I+D é o que permite sacar ao mercado produtos máis novos e disruptivos. A comunidade galega partía xa en 2019 dunha mala situación respecto do investimento en investigación e desenvolvemento e dous anos despois empeora a súa nota. O gasto público en I+D sitúase agora no 64 por cento da media da UE mentres que o desembolso empresarial está só no 32 por cento -o que rebaixa a Galicia ao posto 68 pola cola do total de 240 rexións europeas-.
Fonte: Faro de Vigo