Galicia é a segunda comunidade que máis empresas de biotecnoloxía crea

O sector biotecnolóxico galego consolídase como un referente en España, sendo Galicia a segunda comunidade máis emprendedora o ano pasado. Un dos núcleos duros da actividade “biotech” está na comarca de Vigo, onde se sitúan dúas das tres empresas galardoadas nos Premios Bioga 2021 que outorga o clúster. Son Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa), con sede no Porriño, que foi premiada como a compañía máis competitiva; a viguesa KeyBiological, a máis innovadora; e Celtarys, de Santiago de Compostela, como mellor idea empresarial.

E é que Galicia creou case o 30% das firmas nacidas en 2020 en España, pasando do cuarto posto en 2017 ao terceiro en 2018 e escalando á segunda posición en 2019 e en 2020. “2021 foi tamén un ano clave para avanzar na industria biotech e en 2022 poranse en marcha proxectos ambiciosos para dar soporte ás necesidades que demanda o ecosistema”, avanzou Carme Pampín, presidenta de Bioga.

Galicia sitúase entre as comunidades que concentran o maior número de empresas biotecnolóxicas, con medio centenar, tras Cataluña, Madrid, Andalucía, País Vasco e Comunidade Valenciana. Ademais, é a segunda comunidade máis emprendedora neste campo: creou 10 novas compañías en 2020.

Fonte: Atlántico Diario