Galicia deseñará o seu propio mapa do hidróxeno verde

O hidróxeno verde non emite gases efecto invernadoiro e está chamado a protagonizar a revolución enerxética para combater o cambio climático. A Unión Europea proxecta axudas millonarias para impulsar este gas, que polo momento aínda ten unha produción moi custosa e unha tecnoloxía non totalmente desenvolta.

A Comunidade non quere quedar fóra e para iso creará o Mapa do Hidróxeno verde de Galicia. Para avanzar no seu deseño, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo unha reunión con representantes do Centro Nacional do Hidróxeno. Segundo informa a Consellería de Economía, Uría destacou a grande oportunidade que ten a Comunidade para consolidarse como un polo enerxético innovador, no que o vector do hidróxeno será fundamental e unha das pezas clave para o desenvolvemento da transformación dixital e ecolóxica.

A Xunta convocou este ano unha demostración de interese polo hidróxeno verde dirixida tanto a pemes  como a grandes empresas e recibiu 54 propostas. A partir de aí definiu unha nova orde de axudas que se convocará o vindeiro ano por importe de 10 millóns de euros, coa intención de colaborar en proxectos con aplicacións industriais que favorecen o uso de hidróxeno.

Fonte: ABC