Galicia creou o 12,5% das biotech españolas en 2018

O informe Asebio, elaborado pola Asociación Española de Bioempresas a partir de datos do BORME, mostra que Galicia conta cun ecosistema biotech propio e propicio para o nacemento e desenvolvemento de novos proxectos empresariais vinculados ao sector das ciencias da vida. Co 12,% do total de empresas biotech nacidas en 2018, Galicia colócase como a terceira comunidade que máis empresas xerou durante o exercicio pasado, só superada por País Vasco (dez firmas) e Cataluña (nove compañías).

O sector bio galego viviu o ano pasado o nacemento das seguintes compañías: AMS Biopharma Laboratory, Icoda Innovación, Nanogap Therapeutichs, Phycosem Mariñar Agronomy e Seaslab.

Galicia conta xa con 37 empresas cuxa dedicación principal é a biotecnoloxía, o 5,19% do total. O dato supera o do informe 2017, cando as empresas situadas en Galicia eran 31 e representaban o 4,8% do total. A comunidade galega posiciónase como a sexta comunidade que máis empresas bio acolle no seu territorio.

A facturación media das empresas biotech galegas aumentou dende os 8,1 millóns de euros en 2016 (Informe Asebio 2017) ata os 9,3 millóns de euros en 2017 (Informe Asebio 2018). Este avance supón un incremento na facturación media das empresas bio galegas do 14,8%, mentres que a media nacional creceu un 9%.

O informe Asebio 2018 tamén recolle as principais operacións financeiras rexistradas no sector bio durante o pasado exercicio período no que se identificaron en toda España 29 operacións de ampliacións de capital privado e das cales dúas foron ampliacións de capital en empresas biotecnolóxicas galegas: Nanogap e Oncostellae.

Valoración do informe Asebio

Carme Pampín, presidenta Bioga, destaca deste informe que “a comunidade autónoma de Galicia, malia a súa situación periférica e á constante necesidade de busca de vías de financiamento tanto para o desenvolvemento de negocio das empresas como para o seu asentamento en chan industrial, sitúase á cabeza das comunidades biotech”.

A presidenta de Bioga agradece a aposta de investigadores e emprendedores, pequenas e grandes compañías biotech de Galicia, as tres universidades, fundacións biomédicas, Administración autonómica e todos os actores que participan no ecosistema biotech de Galicia. “Estamos moi orgullosos de ser capaces de construír nos últimos anos, integrando a todos os actores da cadea de valor, un sector puxante e estratéxico para a economía de Galicia”. Ao seu xuízo, “o futuro é ilusionante e esperanzador”. 

Segundo Carme Pampín, os datos son froito, en definitiva, do potencial científico, emprendedor e empresarial de Galicia, así como do desenvolvemento efectivo das accións da Estratexia Galega de Impulso da Biotecnoloxía 2016-2020, posta en marcha pola Xunta de Galicia e liderada pola Axencia Galega de Innovación (Gain), coa que Bioga acaba de renovar un convenio de colaboración para a dinamización sectorial en 2019-2020, para potenciar o sector biotecnolóxico e lograr a súa consolidación como ferramenta de competitividade e valor para Galicia.

“Os datos avalan o esforzo conxunto, público e privado, para a conformación dun ecosistema baseado na innovación aberta e confirman que estamos a conseguir con éxito os nosos obxectivos de xeración de valor económico, social e emprego de alta calidade en torno ao sector biotech”, engade Carme Pampín, quen confía en seguir incrementando nos próximos anos a achega do sector ao desenvolvemento de Galicia.

(Fonte: Economía en Galicia)