Galicia contará en 2022 cunha guía de integración paisaxística de parques empresariais para buscar o seu desenvolvemento harmónico coa contorna

Galicia contará este ano coa primeira Guía de boas prácticas para a integración paisaxística de parques empresariais, un manual impulsado pola Xunta no que se recollerán toda unha serie de ideas e recomendacións para buscar que o desenvolvemento deste tipo de espazos na Comunidade se faga de forma harmónica e integrada coa contorna. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que se están a analizar 26 áreas empresariais rurais e urbanas de toda Galicia e que a información recompilada se utilizará na redacción dun manual de boas prácticas que ofreza solucións técnicas a problemas e cuestións que, de forma habitual, hai que resolver cando se planifica un polígono ou se queren ampliar e mellorar os xa existentes.

Entre as principais casuísticas ás que se pretende responder con esta guía, Ángeles Vázquez mencionou a escaseza de zonas verdes, a localización de certos equipamentos en lugares estratéxicos, os problemas de aparcamento ou a necesidade de habilitar espazos para os peóns para facer dos polígonos lugares máis amables.

Tras anunciar que o documento estará listo no primeiro semestre de 2022, a conselleira lembrou que a futura guía xorde do protocolo de colaboración en materia de paisaxe asinado o pasado verán entre o seu departamento e a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), entidade á que agradeceu o seu respaldo e implicación. O obxectivo compartido pola Xunta e a Fegape, segundo explicou, pasa por poñer a disposición de técnicos, empresarios e administracións públicas unha nova ferramenta de apoio con consellos e información útil para conseguir facer dos parques empresariais galegos espazos ben integrados coa súa contorna. “Deste xeito, queremos demostrar que é posible combinar a actividade económica coa integración paisaxística”, declarou.

Fonte: Xunta de Galicia