Galicia contará cun observatorio dedicado ao desenvolvemento da industria aeroespacial grazas a un convenio asinado co Consorcio Aeronáutico Galego por parte da Xunta, que fixa como meta facer de Galicia “un referente nacional e internacional”s deste sector.
O acordo de colaboración, dotado con case 600.000 euros para os vindeiros tres anos, recibiu o visto e prace da Xunta. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, explicou que o obxectivo é “unir as industrias” do sector que operan en Galicia.
Plan autonómico
O plan da Administración autonómica pasa por dotar dunha estrutura común ás industrias con presenza en Vigo e Ourense xunto ao Polo Aeroespacial de Vehículos non tripulados de Rozas, no municipio lugués de Castro de Rei. Segundo explicou Feijóo, o Observatorio da Industria Aeroespacial en Galicia encargarase de fomentar a elaboración de “estudos científicos” sobre o sector, xerar un “espazo común de acceso” ao coñecemento da materia ou definir as “tendencias” a nivel nacional e internacional.
Ademais, a súa posta en marcha tamén contempla a organización de actos de difusión dos resultados obtidos ou a compilación e divulgación de estudos de “alto nivel” para conseguir “atraer talento científico” á Comunidade galega. Todo iso co obxectivo de facer de Galicia un “referente” en España e a nivel internacional da industria aeroespacial, algo que se espera conseguir nos vindeiros anos grazas a iniciativas e plans como este que se confirma na comunidade.
Fonte: El Ideal Gallego