Galicia consolídase xa como a segunda comunidade máis bioemprendedora de España

O ecosistema biotecnolóxico de Galicia continúa un ano máis na cima. E faino competindo con comunidades autónomas con maior músculo económico e cunha arraigada tradición no sector emprendedor vencellado ás Ciencias da Vida. Por iso é xa fixa no podio anual das comunidades autónomas bioemprendedoras.

Foi en 2018 cando se situaba en terceira posición. En 2019 subía ao segundo posto, repetiu en 2020 e renova en 2021 como a segunda comunidade que máis empresas creou durante o pasado exercicio: foron nove en total. Cataluña aparece en primeiro lugar, con 14 firmas, segundo datos do Informe Asebio 2021 da Asociación Española de Bioempresas.

A patronal destas empresas sinala que “Galicia segue a ser unha das comunidades máis activas en creación de empresas biotech”, en definitiva, “unha rexión dinámica en bioemprendemento vencellado aos centros de coñecemento”. Segundo os Informes Asebio dos últimos dous exercicios, marcados polo impacto da pandemia da Covid19, Galicia creou en total 19 compañías biotecnolóxicas das 99 fundadas en todo o territorio nacional neses dous anos, case o 20% do total.

A presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín, atribúe o dinamismo de Galicia “á colaboración público-privada” e á posta en marcha da “Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación”. O ecosistema biolóxico da nosa comunidade está formado por 54 firmas.

As seis comunidades que concentran o maior número de empresas biotecnolóxicas son Cataluña, con 209 e o 24,25% do total; Madrid, con 151 compañías e o 17,52%; Andalucía, con 123 e o 14,27%; País Vasco, con 83 empresas e o 9,63% do total; Comunidade Valenciana, con 75 firmas e o 8,70%; e Galicia, xa en sexto lugar. As empresas biotech destas seis comunidades representan o 80,12% deste tecido empresarial en territorio español. A facturación media das biotecnolóxicas galegas sitúase nos 6,4 millóns de euros.

Fonte: El Correo Gallego