Galicia busca fondos europeos para o futuro de Boeing en Rozas (Aula Newton)

Galicia aspira a captar fondos europeos para que un xigante como Boeing siga a impulsar novas iniciativas como socio tecnolóxico e industrial do Polo Aeroespacial situado en Castro de Rei. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, sinalou a idea de que «no futuro Boeing poida permanecer e se poida implicar nun proxecto que ten presentado» co apoio económico dos Next Generation. Conde afirmou que a súa colaboración «está a ser imprescindible» para consolidar tecnoloxía, talento e para traballar con pemes e centros tecnolóxicos.

O Goberno galego incide en que a participación da multinacional foi «determinante» para que hoxe o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas dispoña dun simulador de continxencias e do equipamento «máis avanzando de Europa» para a simulación de voos con vehículos aéreos non tripulados, o campo no que centrou as súas investigacións. Na actualidade tamén se desenvolven outras iniciativas como a Aula Newton na Tecnópole ou a colaboración que mantén coa Escola de Enxeñaría Aeronáutica da Universidade de Vigo.

Fonte: Diario de Pontevedra