Galicia busca 4500 empregados para o sector tecnolóxico

A industria tecnolóxica galega converterase nos vindeiros anos nunha das grandes axencias de colocación do mercado laboral. Actualmente, as empresas dedicadas ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) empregan xa a máis de 19.343 persoas, unha cifra que, de feito, é un 1,9% superior á xerada hai xusto un ano, unha porcentaxe que amosa a tendencia alcista na que vive inmersa esta parte da economía galega.

Mentres miles de traballadores vían perigar os seus postos por mor da irrupción do coronavirus, o TIC demostraba unha vez máis a resiliencia que tanto o caracterizou. De feito, lonxe de contraerse, mantén firme a súa capacidade para xerar emprego. Pero isto é só o principio. Se as cousas seguen como até agora -durante o período 2015-2020 o emprego neste ámbito aumentou un 23,3%- e a tendencia continúa co seu comportamento, nos vindeiros cinco anos, as empresas galegas estarán ávidas de atopar talento e crearán máis de 4500 novos postos de traballo.

Esa é unha das principais conclusións ás que chega o informe “Talento Dixital: Estudo da Traxectoria Profesional dos perfís STEM en Galicia”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega).

Que perfís se buscan?

Os expertos téñeno claro. O mercado de traballo galego presenta unha infinidade de oportunidades laborais. A aparición de tecnoloxías disruptivas, de feito, está a xerar gran demanda de novos perfís profesionais. E sen dúbida, os candidatos que as empresas buscan con máis interese son os que están dedicados á xestión do dato e a ciberseguridadw. Os empregados especializados nestas dúas materias son os máis buscados polas compañías da comunidade. Case a metade das empresas TIC de Galicia (concretamente o 47,2%) que desenvolven funcións relativas á xestión dos datos demandan perfís especializados no Big Data. E unha porcentaxe bastante similar (o 42,5%) busca traballadores con coñecementos de ciberseguridade.

Hai moitos máis perfís que teñen cabida no mercado. Por exemplo, aqueles que axuden ás empresas a avanzar en solucións que contribúan á transición a fontes de enerxías renovables, limpas, seguras e eficientes.

Fonte: La Voz de Galicia