Galicia bateu en 2019 un novo récord de xeración de enerxía a partir de fontes renovables. En total, a produción situouse en 24.845 xigavatios hora (GWh), dos que 65,2% corresponderon a tecnoloxías renovables, o que supón 9,7% máis que o pasado ano e un novo máximo histórico desde que se teñen rexistros.
Así se desprende dos datos do avance do informe do sistema eléctrico do Estado español publicado por Red Eléctrica, e que sitúa a Galicia lixeiramente por debaixo da media, xa que o pasado ano o 65,4% da enerxía que se produciu no territorio español tivo a súa orixe en tecnoloxías sen emisións de CO2.
No caso concreto de Galicia, a eólica volveu tirar do mix, cun histórico 35% da xeración eléctrica no país, mentres que a hidráulica foi responsable doutro 28,4%, o que as sitúa como tecnoloxías líderes na estrutura de xeración galega.
Por detrás destas están os ciclos combinados, que representaron o 13,9% do total; a coxeneración (10,1%) e o carbón, cuxa contribución descendeu o 76,1% respecto a 2018 como consecuencia do parón das centrais das Pontes e Meirama (Cerceda), até o 9,9% da enerxía producida en Galicia. Completan o mix o continxente doutras renovables (1%) e os residuos renovables e non renovables, cunha achega do 0,7% en cada tecnoloxía.
Desde REE sinalan que o aumento da produción renovable débese en parte á posta en servizo de 394 novos megavatios de potencia eólica e fotovoltaica, o que eleva ata os 11.416 MW o parque de xeración en Galicia, o 4% máis que en 2018.
No período analizado, tamén destaca a caída da demanda, que foi o 9,4% inferior á rexistrada o pasado ano e que acadou os 18.351 xigavatios.
Fonte: Nós Diario