Unha empresa aséntase no mercado local e empeza a pensar na expansión. En colocarse noutros países. O proceso non é sinxelo e require das ferramentas adecuadas. E para proporcionarllas ás pequenas e medianas empresas naceu Galicia Avanza, unha aceleradora -localizada en Tecnópole- que na súa primeira edición axuda a unha trintena de empresas a completar o camiño cara á exportación.
O programa seleccionou a un total de 30 empresas, que pertencen a sectores económicos diversos, como a automoción, a saúde, a enerxía, a alimentación ou o aeroespacial, entre outros, que facturaron no período 2020-2021 máis de cen millóns de euros e empregan a unhas 470 persoas.
Durante oito meses, cada unha destas pemes accede a un itinerario personalizado que inclúe ámbitos como o estudo de mercado, a estratexia de mercadotecnia, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións e a estratexia de acceso ao mercado. Ademais, ten un acompañamento durante todo o proceso a través de titoría e asesoramento, así como acceso á capacitación e formación especializada neste ámbito.
En total, a Xunta de Galicia investirá 2,24 millóns de euros en Galicia Avanza, impulsada a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Igape, e que ten como punto de referencia Tecnópole. O Parque Tecnolóxico de Galicia conta cunha oferta de servizos variada para o tecido empresarial, pero tamén con infraestruturas ás que vai dar cabida como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia ou a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial galego para que as compañías poidan acceder a un prezo enerxético máis competitivo.
Fonte: La Voz de Galicia