“Galicia Avanza”, un impulso para a internacionalización

Galicia Avanza, a aceleradora localizada en Tecnópole (San Cibrao das Viñas), ten por obxectivo conseguir que as pequenas e medianas empresas galegas dean un salto ao exterior. A iniciativa xurdiu o pasado ano, froito da colaboración entre a Consellería de Economía da Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia. O programa sostéñeno a dúas mans a Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). A participación aumentou un 43% da primeira edición a esta segunda.

Metodoloxía

Unha serie de consultoras guían e asesoran durante dez meses ás empresas seleccionadas. Durante os dous primeiros meses, titores expertos no desenvolvemento de negocios preparan itinerarios personalizados con cada unha das compañías. Na folla de traballo está a protección das súas marcas e deseños industriais ou a detección de posibles colaboracións con outras compañías. Tamén se pon o foco en conseguir acceder a novos segmentos de clientes e, sobre todo, atraer financiamento. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cobren as necesidades detectadas.

Diversidade

Os que percorren este camiño son pequenas e medianas compañías de sectores moi diversos, que ofrecen produtos e servizos moi dispares. No ámbito das novas tecnoloxías foi seleccionada unha empresa que emprega a identificación por radiofrecuencia e visión artificial para a xestión de inventarios e cadeas de subministración. Na lista hai tamén unha compañía que persegue internacionalizar unha plataforma destinada a optimizar a relación entre as entidades sanitarias e as aseguradoras; un proxecto baseado en tecnoloxía blockchain que permite ás organizacións sen ánimo de lucro xestionar as doazóns de maneira dixital; ou unha plataforma web para apoiar o estudo e a realización de instalacións ambientais.

Tamén o sector alimentario ten presenza. Neste ámbito vaise impulsar a internacionalización dunha firma que quere comercializar ovos e produtos derivados fóra das nosas fronteiras, dunha consultoría centrada no sector pesqueiro e mesmo dunha compañía que elabora complementos alimenticios en forma de gominola, ademais dunha fábrica de chocolate artesán.

No ámbito da saúde, por exemplo, hai unha peme que desenvolve técnicas baseadas na fluorescencia para o descubrimento de novos fármacos ou a primeira plataforma especializada en teleformación para o sector sociosanitario.

Tamén hai espazo para o campo da sustentabilidade. Aí foi seleccionada unha firma especializada no deseño de cociñas orgánicas e unha dedicada á fabricación artesanal de calzado infantil, entre outras.

Fonte: La Voz de Galicia