O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” pecha a súa primeira edición o 15 de febreiro, cun evento en Tecnópole. Esta iniciativa nace da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Durante a xornada, as 30 pemes participantes presentarán os resultados do seu paso polo programa. Ademais, xa está en marcha a segunda convocatoria, cuxo prazo de inscripción remata o 28 de febreiro a través da páxina web https://tecnopole.es/galiciaavanza/.
No evento do 15 de febreiro contarase coa asistencia do conselleiro delegado de Nueva Pescanova, Ignacio González, e do presidente das adegas Paco&Lola, Carlos Carrión, como casos de éxito no campo da internacionalización. Ademais, celebrarase unha mesa redonda na que participarán dúas firmas con experiencia no mercado exterior: Egatel, con sede en Tecnópole, especializada no deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos para a radiodifusión de televisión e comunicacións vía satélite; e Aceites Abril, situada no Polígono de San Cibrao, dedicada á comercialización dunha ampla variedade de aceite vexetal. Participarán ademais dúas empresas beneficiarias do programa “Galicia Avanza”: Coquus, que traballa na dixitalización do servizo de alimentación en hospitais e residencias; e Laboratorios Cifga, dedicada ao desenvolvemento de biotoxinas mariñas de interese para a industria agroalimentaria, ademais de solucións para o control de calidade e seguridade no sector téxtil e cosmético.
Ao evento asistirá o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde. As empresas interesadas en participar neste encontro deberán inscribirse previamente na páxina web https://tecnopole.es/gl/evento-galicia-avanza.
Fonte: Tecnópole