Un total de 30 empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade están a participar no programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza”. Esta iniciativa púxose en marcha como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).
Unha das empresas que se está a beneficiar deste programa é a lucense Jamones González. Fundada no ano 1923, a piques de cumprir cen anos, esta firma familiar vai xa pola terceira xeración. Dedícase á elaboración de produtos cárnicos. Contan con sala de despezamento, fábrica de embutidos, salgaduras e secadero de xamóns; e tres liñas de produto: Duroc, Ecolóxico e Celta. A súa xerente, Carmen González, explica que están inscritos en Agricultura Ecolóxica, na Indicación Xeográfica Protexida de Lacón Galego e en Galicia Calidade.
O programa “Galicia Avanza” axudaralles a introducir no mercado exterior produtos de porco celta sen aditivos. “Trátase da elaboración de produtos derivados de porco ecolóxico, en concreto de xamón, lombo, paleta e chourizo sen aditivos” -indica a xerente-. “Participamos neste proxecto para que nos dea ese impulso, esa aceleración que necesitamos cara á comercialización no mercado exterior” -destaca-.
Fonte: Tecnópole