Un total de 30 empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade están a participar no programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza”. Esta iniciativa púxose en marcha como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).
Unha das empresas que se está a beneficiar deste programa é a compostelá Errecé Láser, dedicada fundamentalmente a fabricar compoñentes metálicos para a industria do automóbil. Xan Rey, administrador da firma, indica que “o noso interese en participar no programa `Galicia Avanza´ vén da necesidade de impulsar en particular unha das familias de produtos que fabricamos. Trátase de contedores metálicos”.
“Os nosos clientes, vendo as nosas capacidades de fabricación, propuxéronnos que, ao tempo que lle enviabamos os compoñentes metálicos e, tendo os medios necesarios, fabricáramos tamén os contedores” -sinala o voceiro de Errecé Láser-. Nesta liña, “Galicia Avanza” está a apoiar á empresa na elaboración dun plan de márketing que lle dea un impulso innovador a esta liña de produto, co obxectivo de que poidan internacionalizar os seus contedores metálicos cara a países como Francia ou Alemaña.
Fonte: Tecnópole