Galicia aumentou o seu investimento en I+D, pero segue baixo a media

Os gastos (ou investimento) de investigación e desenvolvemento (I+D) refírense aos recursos dedicados á investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico, así como á planificación de novos coñecementos nos aspectos técnicos e científicos. No caso de Galicia, no ano 2018 -último dato definitivo dispoñible no INE (Instituto Nacional de Estadística)- este investimento ascendeu a un total de 590,7 millóns de euros en todos os sectores, é dicir, nas empresas, ensino superior, administración pública e institucións privadas sen ánimo de lucro.

Estes 590 millóns representan un incremento do 3,3 % con respecto a un ano antes, aínda que queda por baixo da media estatal, onde aumentou o 6,3% no mesmo período. En concreto, na comunidade galega esta cifra en I+D interna supuxo o 4 % do total de España, colocándose como a sétima comunidade autónoma con maior peso total. En canto ao que representa con respecto ao PIB rexional, en 2018 foi do 0,94 %, lonxe tamén da media nacional, que se colocou no 1,24 %. En toda España foron un total de 14.946 millóns investidos en I+D en 2018.

En total, o persoal dedicado a este sector en Galicia en 2018 foi de 10.631 persoas a xornada completa, das que 4.443 son mulleres. Neste aspecto rexistrouse unha subida do 3,6 %, un punto menos que a media estatal.

Fonte: El Correo Gallego