«A madeira é un material renovable, reciclable e que, ademais, provén de fontes naturais», afirma Azahara Soilán, técnica da Axencia Galega ds Industria Forestal (XERA) e CIS-Madeira. Pero tamén ten «propiedades mecánicas», engade, o que a converteu no material chamado a revolucionar o sector da construción. Porque contribúe á súa modernización e, sobre todo, a que sexa máis sustentable. Galicia, comunidade na que boa parte do territorio é forestal, aspira a converterse nun referente neste cambio que está a experimentar a construción.
Galicia conta co potencial suficiente para ser un referente nacional na construción en madeira, como o son agora Cataluña e o País Vasco. Temos os recursos e a capacidade forestal, pero necesitamos «unha xestión adecuada do monte» -apunta Soilán-. Incorporar madeira á construción é unha tendencia e permitirá avanzar cara á optimización do recurso.
Dar a coñecer os beneficios das construcións en madeira, tanto para o medio ambiente como para os inquilinos deses novos inmobles, é un dos retos que debe afrontar a comunidade. «En XERA estamos a impartir cursos en colaboración co Colexio de Arquitectos e co Instituto Galego de Vivenda e Solo para o persoal técnico da Administración. Tamén temos un convenio coa USC para que dean clases de deseño e cálculo de estruturas en madeira a enxeñeiros e arquitectos», explica Soilán.
Fonte: La Voz de Galicia