Galicia activa un fondo de enerxía destinado a pemes e autónomos

Un novo fondo provisto con 17,15 millóns de euros permitirá a autónomos e pemes dotarse de enerxías renovables. O presidente da Xunta anunciou que se prevé mobilizar un investimento asociado de 41 millóns e xerar un aforro duns 9 millóns anuais en subministracións, ademais de reducir o consumo eléctrico nunha cantidade equivalente ao que gastan 38.000 fogares.

O fondo dividirase en tres liñas. Con 2,6 millóns, apoiarase a instalación de equipos de biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica en empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais. En segundo termo, inxectaranse 4,5 millóns para proxectos de fotovoltaica para autoconsumo. O terceiro alicerce serán 10 millóns en apoios para proxectos de eficiencia e aforro na industria e os servizos. A iniciativa enmárcase no plan para reactivar a economía galega tras a pandemia.

Pemes e startups

Alberto Núñez Feijóo tamén avanzou a activación dun programa de financiamento dotado de 60 millóns, cuxa finalidade é mobilizar investimentos por 180 millóns para a transformación de pemes e o desenvolvemento de startups, isto é, negocios tecnolóxicos en fase de crecemento.

A través da sociedade xestora de capital risco XesGalicia, o Executivo galego prevé inxectar 20 millóns para apoiar a transformación das pequenas e medianas empresas nos sectores que precisen “reinventarse” tras o Covid-19. Será a través de préstamos participativos. Outros dez millóns servirán para colaborar con xestoras privadas de capital risco para impulsar startups que sexan innovadoras e axuden a promover o retorno do talento. En terceiro lugar, a Xunta deseñará un fondo público-privado xestionado “de forma independente” e dotado de 30 millóns, para investir en proxectos tractores e estratéxicos. A idea é que, en total, xere investimentos por 90 millóns.

Por outro lado, o Goberno galego acordou remitir ao Consello Consultivo o primeiro censo de solo empresarial de Galicia, que agrupará as parcelas de todos os promotores públicos e privados, clarexando o grao de ocupación dos diferentes polígonos.

Fonte: El Progreso