Galicia será a anfitriona este ano do maior certame de divulgación científica e tecnolóxica de fala hispana e portuguesa coa celebración no vindeiro mes de outubro en Santiago de Compostela da XI edición de ‘Ciencia en Acción’, con patrocinio de Tecnópole e cunha previsión de asistencia de 15.000 persoas.
O IES Rosalía de Castro será o primeiro centro de ensino que lle dará acollida a este evento, que se vén celebrando desde o ano 2000 en museos, parques científicos e outras instalacións como o Cosmocaixa. Segundo explicaron os organizadores esta mañá en Santiago de Compostela, a celebración do Xacobeo foi determinante á hora de decidir o emprazamento de ‘Ciencia en Acción’ para 2010, que terá lugar entre o 1 e o 3 de outubro.
O evento conta xa co apoio de múltiples organismos, como é o caso do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a Dirección Xeral de I+D+I da Xunta de Galicia, a Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), a Unión Europea (UE), a UNESCO e a Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal (Ciência Viva). O evento será patrocinado polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que tamén organiza anualmente desde 2006 un certame das mesmas características, a ‘Galiciencia’, que se converteu na feira científica máis importante de Galicia.
Centos de estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica chegados de toda España, Portugal e outros países de fala hispana e portuguesa asistirán a esta cita coa ciencia e a tecnoloxía, segundo explicou a directora do certame, Rosa María Ros, profesora da Universitat Politècnica de Catalunya. Na presentación acompañárona Tino Álvarez, organizador do evento en Galicia e profesor do IES Rosalía de Castro; Sabela Bouzo, responsable de divulgación da Tecnópole; e Luis Hervella, responsable do programa ‘A Ponte’ entre a Universidade de Santiago de Compostela e os institutos de ensino secundario de Galicia, que anunciou a oferta dunha materia de libre configuración, co valor dun crédito, para alumnos universitarios que participen nas xornadas de ‘Ciencia en Acción’.
O programa do certame está deseñado para aproximar a ciencia e a tecnoloxía ao gran público dunha forma dinámica e entretida. O seu principal eixe é un concurso de proxectos que serán expostos baixo a fórmula dunha feira científica ao redor do que se celebran conferencias e outras actividades de demostración e de entretenemento, como obras de teatro científico.
Tal e como expuxo Tino Álvarez, os organizadores do certame en Galicia veñen de poñerse en contacto con todos os centros de ensino galegos para animar a profesores e alumnos a participar nos concursos ou acudir como visitantes. A difusión complétase coa labor levada a cabo no resto de España, Portugal e outros países por parte da organización central.
Competición de proxectos
O concurso principal de ‘Ciencia en Acción’ é un certame internacional de proxectos de divulgación científica con 14 modalidades e un premio de 1.500 euros para o gañador en cada unha delas. O prazo para participar está aberto ata o 15 de maio e poderanse presentar profesores de ensino primario, secundario e universitario; divulgadores científicos dos medios de comunicación ou pertencentes a organismos e museos relacionados coa ciencia; e cualquera persoa interesada no ensimo e divulgación da ciencia en calquera país de fala hispana ou portuguesa.
Os proxectos presentados deberán ter como elemento central unha idea innovadora que presente a ciencia e a tecnoloxía de xeito atractivo para a cidadanía e mostre a súa importancia para o progreso da sociedade e o benestar.
Adoptar unha estrela
No certame celebrarase tamén o concurso internacional ‘Adopta unha estrela’, no que poderán participar grupos de alumnos non universitarios coordinados por un profesor. O obxectivo é espertar e fomentar o interese dos máis novos polo mundo da Astronomía.
O concurso ten dúas modalidades. Unha delas premiará ao mellor traballo de investigación sobre unha estrela ou calquera outro obxecto celeste. A outra distinguirá ao grupo que realice unha mellor labor de divulgación da astronomía, organizando conferencias, observacións e exposicións.