“É habitual que as plantas que quedaron na casa de verán non sobrevivan ao inverno aínda que lles deixemos un sistema de rego. A falta de calor e a escasa radiación solar frenan ou paralizan de maneira definitiva o seu metabolismo causándolles a morte”, explica Manuel Eirín, xerente da empresa. “Con este novo sistema, sen custo enerxético ningún, poderán perdurar durante moitos invernos”.
O sistema permite tamén ter unha horta en lugares pechados sen luz natural como son os garaxes. Flores, hortalizas e todo tipo de vexetais poder xerminar, crecer, florecer e dar froito sen necesidade de recibir a luz directa do sol, só con esta lámpada ben orientada cara a eles.
“Este produto nace dunha demanda recollida da nosa filial en México, onde a maior parte dos negocios se instalan en sotos para evitar roubos”, expón Eirín. “A partir de agora poderán substituír as plantas de plástico por outras naturais e que medren tan ben coma se estivesen a carón dunha ventá”.
O consumo enerxético da lámpada é nulo, xa que se nutre da electricidade xerada a partir dun panel solar colocado no exterior do edificio sen impacto visual.
Unha cor para cada función
A lámpada emite luz azul, vermella e maxenta. A inclusión doutras gamas, como a ultravermella ou a ultravioleta, desestimouse porque, aínda que son beneficiosas para o crecemento e a eliminación de insectos portadores de plagas, poden ser nocivas para as persoas.
A luz azul favorece o crecemento, mentres que a vermella é fundamental para a floración e a maxenta contribúe a un desenvolvemento precoz da planta.
Este novo desenvolvemento de Gaélica Solar súmase a un extenso catálogo de produtos innovadores relacionados coas enerxías renovables e cun impacto moi particular sobre os sectores primarios. É o caso do kit de bombeo solar, que permite o bombeo directo de auga utilizando enerxía solar captada a través dun panel fotovoltaico; os alimentadores solares automáticos para gando; o deshidratador solar antioxidante, que, a través dun pequeno equipo portátil, permite deshidratar produtos no mesmo punto de colleita; e o depurador autónomo de aguas mediante luz ultravioleta con efecto xermicida, aplicable por exemplo en fontes públicas.