A empresa de tecnoloxía para o aproveitamento das enerxías renovables Gaélica Solar proxecta o desenvolvemento de dous novos produtos que prevé patentar ao longo de 2014 para iniciar a súa comercialización. Trátase dun deshidratador solar antioxidante para o tratamento e conservación de alimentos e unha plataforma mariña que produce enerxía a partir da forza das ondas para o seu consumo sobre a propia plataforma (para actividades acuícolas, explotacións mineiras mariñas, apoio a estacións petroleiras, centros de investigación mariños, etc.) e para abastecer a illas e zonas costeiras.
No marco do ciclo “Os mércores de Tecnópole”, o xerente de Gaélica Solar, Manuel Eirín, atribuíu o crecemento da empresa á innovación, “que foi o que nos permitiu pasar dun niño na incubadora a unha nave propia nunha parcela do Parque Tecnolóxico de Galicia”.
Esta labor de I+D+I permitiulles desenvolver e patentar en 2013 dous produtos que xa están listos para comercializar. O primeiro deles é un eliminador ecolóxico de toupas en hortas e xardíns que substitúe os tradicionais velenos por unha corrente de aire modificado que, ademais de eliminar estes animais, erradica os fungos e virus e osixena o terreno na súa área de influencia. “Instalamos este sistema no xardín no Pazo de Oca, onde tiñan un problema grave cos seus buxos centenarios, que estaban sendo aniquilados por un fungo. Grazas á inxección de ozono, o problema quedou solucionado sen provocar danos colaterais nin contaminación de ningún tipo”, explicou Eirín.
O secador solar para bañistas, que estivo instalado durante meses na praia de Silgar en Sanxenxo (Pontevedra) con moi bos resultados, permite que os usuarios dos areais poidan prescindir da toalla e ofrece servizos adicionais de carga de móbiles e de ducha e lavapés con auga do mar bombeada polo sistema. “Sobre todo chegaron peticións de surfistas para que sexa instalado nas praias que frecuentan porque para eles é fundamental poder secar os seus traxes de neopreno, sobre todo no inverno”, expuxo o xerente da empresa.
Catálogo de máis de 30 produtos
Durante a sesión, Eirín fixo pública a demanda de profesionais que Gaélica Solar experimenta nestes momentos para montar unha rede comercial capaz de darlle saída no mercado aos máis de 30 produtos do seu catálogo, que inclúe mesas e hamacas solares (con cargadores para móbiles e outros aparatos eléctricos), instalacións especificamente pensadas para o autoabastecemento de enerxía no medio rural, ademais de todo tipo sistemas de obtención de enerxía eólica, solar e xeotérmica.
“A enerxía é gratis, sen embargo no presuposto de calquera familia ou empresa resulta un ben moi gravoso. A chave está en ter os os medios para capturar a enerxía que está na nosa contorna natural, transformala e aproveitala. Isto é o que proporcionamos aos nosos clientes, sempre desde unha óptica innovadora”, destacou Eirín.
A pesar de que a empresa quere reforzar a presenza no mercado internacional grazas a unha rede comercial formal, as xestións realizadas ata o de agora neste ámbito xa lle valeron contratos en Brasil, Panamá e México. Neste último país, Gaélica Solar está a participar no proxecto renovable dun hotel na cidade de Querétaro, coa instalación dunha fachada fotovoltaica de autoconsumo e iluminación LED con alimentación solar en tempo real.