Gaélica Solar proxecta depurar a auga de todas as fontes do Camiño de Santiago con luz ultravioleta

A empresa de tecnoloxía para o aproveitamento das enerxías renovables Gaélica Soar, con sede en Tecnópole, acaba de presentar un detallado proxecto á Xunta de Galicia para instalar sistemas de depuración de auga por luz ultravioleta en todas as fontes do Camiño de Santiago.

Este sistema de purificación de auga para consumo humano consiste nunha lámpada xermicida que emite radiación ultravioleta, letal para a maioría dos microorganismos responsables da contaminación da auga, incluíndo bacterias, virus, fungos e algas.

Aínda que este equipo pode alimentarse conectándose á rede eléctrica convencional, a proposta de Gaélica inclúe unha estación solar autónoma que permitiría o autoabastecemento mediante enerxía renovable. A utilización de células de silicio amorfo garante a captación de enerxía mesmo en días anubrados, polo que o seu rendemento é excelente para Galicia, segundo explica o xerente da empresa, Manuel Eirín.

O sistema, que require unha instalación moi sinxela, foi deseñado por Gaélica Solar, está patentado e xa se fabricaron varias unidades. A Fundación Coren ten este sistema depurador instalado nos bebedoiros dos animais na agroescola de Razamonde, no concello ourensán de Cenlle. Os seus efectos foron avalados polo Instituto de Investigación Médica de Herford (Alemaña).

“Hai poucos días a OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) alertou de que a auga de dúas de cada tres fontes analizadas en varios puntos de España está contaminada con bacterias e restos fecais. O noso sistema pode solucionar isto de xeito ecolóxico e inmediato, sen engadir cloro nin sabor e sen afectar o pH da auga,”, explica Eirín.

O sistema baséase nunha luz de 253,7 nanómetros emitida por unha lámpada xermicida de vapor de mercurio capaz de depurar ata 3000 litros por hora. Segundo o xerente de Gaélica Solar, “onde máis partido se lle pode sacar é en puntos nos que non existe conexión á rede de auga potable, como acontece en moitas fontes e albergues do Camiño de Santiago”.

(Fonte: Gaélica Solar)