As instalacións das Aulas Tecnópole, en Ourense, acollen os rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos que participan nos Tecnópole Technological Workshops (T2W), que comezaron a semana pasada e se estenderán ata este venres 11 de xullo, co patrocinio da operadora de cable galega R e da empresa de telecomunicacións Coremain.
Despois de atender ás explicacións sobre as leis de Newton e os principios básicos da aerodinámica, os participantes tiveron un prazo de dúas horas para deseñar e construír os seus propios foguetes propulsados por auga e aire. Unha vez rematados, puxéronos a proba nunha competición lanzándoos e medindo as distancias conseguidas.
Para aprender como funcionan as imaxes holográficas, os alumnos descubriron que hai detrás do truco utilizado dende hai anos nas atraccións de feira e nos números de maxia para facer aparecer fantasmas. Usando unha tablet e unha pirámide holográfica, conseguiron converter imaxes planas en imaxes 3D que se moven e flotan no aire.
Utilizando técnicas de triangulación, os participantes foron retados a construír a pirámide máis alta posible a base de espaguetes. Os que máis afinaron nos cálculos competiron entre eles, resultando vencedora unha estrutura que conseguiu os 170 centímetros.
Ademais, os campistas están a experimentar estes días con robots construídos con pezas e mecanismos LEGO Mindstorms, co reto de aprender a programalos para realizar diferentes funcións de forma autónoma.
Diversión e aprendizaxe
Todos os participantes traballan durante estas dúas semanas no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, a formación inclúe nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, a feira científica que organiza Tecnópole no mes de novembro.
Os obxectivos deste campamento tecnolóxico consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc.
Este ano estase a intensificar a práctica do inglés, coa presenza dun profesor nativo que acompaña aos alumnos e alumnas todos os días durante as comidas e en varios talleres e actividades.
Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se están a desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.
Dado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes, trátase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practican tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.
As aptitudes comunicativas e a expresión corporal están a ter un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con talleres para falar en público e sesións de debate. Ademais, reciben educación ambiental e aprenden hábitos de alimentación saudables mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.
(Fonte: Tecnópole)