Cando pensamos na robótica, é probable que imaxinemos algo ríxido, pesado e construído para un propósito específico. Unha nova tecnoloxía de “peles robóticas”, desenvolvida por investigadores da Universidade Yale en Estados Unidos, dálle a volta a esa noción, permitindo aos usuarios animar o inanimado e converter en robots a obxectos cotiáns. Os resultados foron publicados na revista Science Robotics.
Desenvolvidas no laboratorio de Rebecca Kramer-Bottiglio, as peles robóticas permiten aos usuarios deseñar os seus propios sistemas robóticos. Aínda que as peles están deseñadas sen ningunha tarefa concreta en mente, poderían ser usadas para calquera cousa, dende robots para busca e rescate ata tecnoloxías que a xente poida levar postas enriba.
As peles están feitas de láminas elásticas integradas con sensores e actuadores desenvolvidos no laboratorio de Kramer-Bottiglio. Colocadas sobre un obxecto deformable (un animal de peluche ou un tubo de gomaespuma, por exemplo), as peles animan estes obxectos dende as súas superficies. Os robots improvisados poden levar a cabo tarefas diferentes dependendo das propiedades dos obxectos brandos e de como se apliquen as peles.
Os robots constrúense normalmente cun único obxectivo en mente. As peles robóticas, non obstante, permiten aos usuarios crear robots multifuncionais sobre a marcha. Iso significa que poden ser utilizados en circunstancias que non foran nin sequera consideradas cando foron deseñados.
Ademais, usar máis dunha pel a un tempo permite movementos máis complexos. Por exemplo, podemos depositar peles unha sobre outra para conseguir diferentes tipos de movemento.
(Fonte: NCyT)