Fabrican formigón “vivo” e ecolóxico feito a base de bacterias e area

Os materiais de construción poden experimentar unha revolución grazas a unha nova técnica que usa bacterias para a súa fabricación e xerando unha menor pegada de carbono, segundo un estudo que publica a revista Matter. O método, desenvolvido por un equipo da Universidade de Colorado en Boulder (EE.UU), combina area, bacterias e un xel para crear un material vivente que ten función estrutural de carga e biolóxica. A investigación está aínda nas súas etapas iniciais, pero “esperamos que este material estea dispoñible comercialmente nos próximos cinco a dez anos”, sinala o autor principal do estudo Wil Srubar.

O equipo experimentou con cianobacterias fotosintéticas do xénero Synechococcus, “que aproveitan a enerxía do sol e o CO2 para crear biominerais que melloran as propiedades mecánicas do material”, explicou. Estas bacterias, nas condicións axeitadas, absorben dióxido de carbono que lles axuda a crecer e a facer carbonato de calcio, o principal ingrediente da pedra calcaria e base do cemento. As bacterias foron inoculadas nunha armazón feita de area e hidroxel para que puidesen crecer nel, ademais o hidroxel retiña hidratación e nutrientes para que as bacterias puidesen proliferar e mineralizar, un proceso similar ao da formación das cunchas do mar.

Combinando os tres elementos, os expertos crearon un material ecolóxico vivente que demostraba ter un forza similar á do cemento baseado en morteiro. “Podes pisar nel e non rompería”, asegurou Srubar, tamén director do laboratorio de materiais viventes da Universidade de Colorado.

Capacidade de reproducirse

Estes ladrillos non só están vivos, senón que tamén se reproducen, pois ao partir un pola metade as bacterias poden crecer ata converterse en dous ladrillos completos se se lles proporciona un pouco area, hidroxel e nutrientes. Srubar explicou que o ámbito construído, tal e como o coñecemos hoxe en día, “é bastante estéril e estático” e que o seu equipo quería “esvaecer os límites entre a natureza e o ámbito construído dando vida aos materiais de construción”.

O científico dixo que a bioloxía pode desempeñar un papel “non só na fabricación de materiais de construción fortes e resistentes, senón tamén na rexeneración do material despois do seu uso”.

Grazas á capacidade de manter as bacterias vivas “cun alto índice de éxito”, o equipo cre que “os edificios viventes poderían non estar moi lonxe no futuro” e que un día, poderían “curar as súas propias gretas, aspirar toxinas perigosas do aire ou mesmo brillar por vontade”, segundo un comunicado da universidade.

Segundo material máis usado

O formigón é o segundo material máis consumido na Terra despois da auga e a produción de cemento, unha das súas bases, é responsable do 6% das emisións de CO2, pero o método agora proposto proporciona unha alternativa verde aos materiais modernos de construción.

Este material tamén ten as súas condicións para manterse en óptimo estado. Se ben os ladrillos teñen que estar totalmente secos para gardar a súa máxima capacidade estrutural (forza), esa sequidade estresa as bacterias e compromete a súa viabilidade.

Así, o concepto de humidade relativa e condicións de almacenamento son fundamentais para preservar a función estrutural e a supervivencia microbiana.

Os investigadores, usando a humidade e a temperatura como interruptores físicos, poden controlar cando queren que crezan as bacterias e cando o material debe permanecer “inactivo” para servir ás funcións estruturais.

O próximo paso do equipo é explorar a numerosas aplicacións desta técnica e introducir bacterias con diversas funcionalidades. Srubar indicou que están «particularmente entusiasmados co potencial para outras bacterias e co cultivos de bacterias que poderían usarse para lograr outras funcionalidades biolóxicas novidosas do material».

Outras aplicacións poden ser a construción de estruturas onde haxa recursos limitados como no deserto ou, mesmo, noutros planetas como Marte.

(Fonte: ABC)