Expertos europeos e americanos expoñerán o último en biotecnoloxía, biomasa e agroalimentación no Encontro Agrobiotech Innovación

Máis de 300 representantes de empresas e centros de investigación dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa daranse cita os vindeiros 26 e 27 de novembro no Encontro Agrobiotech Innovación, un evento deseñado para abrir novas oportunidades de negocio que terá lugar en Tecnópole.

Este encontro enmárcase no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e da Tecnópole. A inscrición, de carácter gratuíto, está aberta, con opcións para diferentes formatos de participación.

O evento está deseñado para compartir coñecemento sobre as últimas tendencias e innovacións nos tres sectores de referencia, para o que expertos a nivel internacional ofrecerán un total de 15 ponencias paralelas sobre temas como os alimentos e cosméticos funcionais, os biocombustibles de segunda xeración, experiencias de éxito na promoción da agricultura ecolóxica e novas fórmulas para mellorar a vida útil dos produtos lácteos, entre outros.

Entre os ponentes atópanse representantes de empresas como Bayer, AstraZéneca, Unilever e Glaxo Smith Kline (GSK); de entidades de investigación como AgroParisTech, o Centro de Investigación en Nutrición e Envellecemento da Universidade de Tufts (Boston) e a Universidade de Porto; e de entidades como a Plataforma Tecnológica Española de la Biomasa (BioPlat) e a Asociación Española de Bioempresas (Asebio).

As ponencias complétanse cun amplo programa de actividades dirixidas a xerar novas oportunidades de negocio a través da captación de clientes; o contacto con novos provedores; a apertura de novos mercados; a identificación de socios comerciais, financeiros ou industriais; e o acceso a información sobre as prioridades e necesidades da Administración galega.

Encontro multiformato

Para favorecer o intercambio de coñecemento especializado, ademais dos relatorios organizaranse mesas redondas e talleres sectoriais de carácter práctico a cargo de expertos en cada unha das tres áreas de referencia.

Unha grande área de exposición gratuíta permitirá a empresas e profesionais mostrar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións. De maneira complementaria, habilitarase un espazo de networking para favorecer os contactos profesionais e institucionais.

Co fin de favorecer o contacto directo, programarase unha axenda de reunións “one to one”, que serán xestionadas con antelación a través dunha ferramenta web.

No ámbito concreto do emprendemento, facilitarase un espazo onde emprendedores dos ámbitos da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa poderán presentar nun formato áxil de 10 minutos os seus proxectos a potenciais investidores.

O programa completarase con visitas guiadas a empresas e centros tecnolóxicos con actividade nos sectores de referencia.

Os destinatarios principais deste evento son empresas demandantes ou ofertantes de produtos, servizos ou tecnoloxía nestes tres sectores, institucións con intereses neles e clústers, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos con actividade nestes ámbitos.

Máis información en encontro.agrobiotechinnovacion.es.