A Comisión Europea (CE) acaba de abrir as primeiras convocatorias do Horizon 2020 para financiar proxectos científicos e de investigación entre 2014 e 2015, un período no que adxudicará fondos por valor de ata 15.000 millóns de euros como parte do seu plan para potenciar a innovación, no marco dos máis de 77.000 millóns que dotarán a totalidade do programa durante os próximos sete anos.
O obxectivo deste programa é impulsar a economía de coñecemento en Europa e afrontar os problemas cuxa solución mellore a vida das persoas. Para iso, articúlase en tres grandes eixes de actuación dos que un deles, denominado “Liderado industrial” e dotado con 1800 millóns de euros, fai especial fincapé nos sectores das TIC, as nanotecnoloxías, a fabricación avanzada, a robótica, as biotecnoloxías ou o espazo. Esta liña contempla un instrumento específico dirixido ás pemes dotado de 616 millóns de euros e que ten como obxectivo axudar as pequenas empresas a crecer e internacionalizarse e apoiar a innovación impulsada polo mercado. As axudas, que as pemes poden solicitar en solitario ou en consorcio, poden cubrir ata o 70% do presuposto do proxecto.
Tamén está aberto á participación de pemes o eixe “Retos sociais” ao que se destinarán 2800 millóns de euros para proxectos innovadores que afronten os retos sociais de Horizonte 2020, entre os que se atopan a saúde, a agricultura, o transporte ou o medio ambiente, entre outros.
A Comisión Europea insistiu durante a presentación das primeiras convocatorias do programa que se lograron reducir trámites administrativos para que sexa máis doado solicitar as liñas de axudas habilitadas, un factor determinante para pequenas e medianas empresas.
Os expertos da consultora RTDI, especializada en estratexias de I+D+i, analizarán en Tecnópole as oportunidades para pemes do Horizon 2020, coas principais claves para identificalas e aproveitalas. A exposición completarase cunha panorámica sobre os instrumentos públicos estatais de financiamento da innovación máis destacados, concretamente os promovidos polo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA).
A inscrición pode formalizarse aquí.