Os centros de educación Secundaria de Galicia amosaron un elevado interese por participar nas actividades da Aula Newton, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, o que propiciou que as 18 sesións previstas ata o mes de xuño se esgotasen en apenas 4 horas.
A Aula Newton Galicia, promovida conxuntamente pola Xunta de Galicia, Boeing, a organización sen ánimo de lucro First Scandinavia e Tecnópole, foi inaugurada o 19 de outubro de 2021 e no seu primeiro trimestre de actividade case 300 alumnos e alumnas gozaron desta experiencia de aprendizaxe.
Trátase da primeira Aula Newton permanente en España e, polo momento, a única. É unha iniciativa de divulgación científica gratuíta dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO na que se ofrece formación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mediante dinámicas de grupo. O estudantado ten acceso a equipos que lle permiten reflexionar, explorar, debater e colaborar en materias STEM.
A Aula está aberta os venres durante o curso escolar en horario de 10:00 a 14:15 horas e nela estanse a desenvolver dúas actividades diferentes. A primeira é “Voando con números: unha aventura aérea”, na que o alumnado, axudado por un equipo de formadores e de instructores de voo, recibe unha misión de rescate e debe planificar e crear un plan de voo e cumplir a súa misión en simuladores avanzados; e a segunda é unha actividade complementaria de iniciación ao voo e construción de drons.
No primeiro trimestre de actividade da Aula Newton Galicia participaron nas sesións preto de 300 alumnos e alumnas de 9 centros de Secundaria galegos. A satisfacción dos participantes foi moi elevada e, de acordo á valoración realizada ao remate da formación, o 100% dos docentes e o 98,6% dos estudantes recomendarían visitar este espazo de aprendizaxe a un compañeiro ou compañeira.
Fonte: Tecnópole