Evento “Empresas & Viceversa” de “Galicia Avanza”

No marco do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza”, o 20 de febreiro celébrase en Tecnópole o evento “Empresas & Viceversa”. As 21 pemes innovadoras de toda a comunidade que participaron na terceira edición desta iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia van presentar os logros conseguidos ao longo dos oito meses que durou o programa. Contarase coa asistencia do director da Área de Internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borrás.    

No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación en Galicia, haberá un showroom coas 21 pemes beneficiarias desta edición, que amosarán os seus produtos ou servizos innovadores e darán a coñecer os éxitos acadados tralo seu paso polo programa. Pola súa parte, o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, será o encargado de presentar os resultados globais desta convocatoria.

No encontro daranse cita ademais un centenar de empresas galegas de sectores diversos, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar as súas innovacións. Ao longo da xornada, todas as compañías asistentes terán a oportunidade de compartir experiencias e manter reunións bilaterais entre elas, co fin de establecer posibles colaboracións. A creación de sinerxías é precisamente un dos obxectivos do programa.

Impulsando “o amor” entre empresas

O evento inclúe o espectáculo “Empresas & Viceversa”, destinado a fomentar a rede de contactos entre empresas. Simulando o popular programa de televisión, contarase coa participación dunha serie de firmas “pretendentes”, que terán que demostrar as súas afinidades coas empresas “tronistas” -compañías de éxito internacional-, co propósito de lograr unha cita privada con elas como paso previo para unha potencial colaboración.

Como “tronista” estará Pedro Arenas, director de desenvolvemento corporativo de CEAMSA – Compañía Española de Algas Marinas, empresa galega de referencia internacional na produción de ingredientes texturizantes a partir de materias primas naturais, líder no seu sector. O outro “tronista” é Iago Jover, responsable de innovación en Roberto Verino, empresa familiar do sector téxtil con máis de 40 anos de historia e con presenza en varios países, en continua expansión.

Unha folla de ruta personalizada para cada empresa

Durante os oito meses de duración do programa e a través dun equipo de expertos en internacionalización, traballouse na saída ao mercado exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras compañías. 

Con cada firma seguiuse unha folla de ruta personalizada. Reforzáronse aspectos como a mellora da innovación, as estratexias de márketing, a creación de marcas e certificacións, ou a adaptación de produtos e servizos ao mercado exterior, entre outros aspectos.

Máis información do evento