Europa pon en marcha unha consulta pública on line sobre ciencia 2.0

A Comisión Europea pon en marcha unha enquisa coa que pretende coñecer a percepción cidadá sobre unha investigación e innovación cada vez máis aberta e compartida en internet.

Segundo datos da Comisión Europea, cada vez máis, os científicos utilizan ferramentas dixitais para conseguir que miles de persoas participen en investigacións. Por exemplo, ao pedirlles que lles informen se contraeron a gripe para así poder monitorizar os brotes e predicir posibles epidemias.

Os investigadores ­engade a institución- tamén están sendo máis receptivos. Comparten os seus descubrimentos en fase inicial en internet e comparan e debaten o seu traballo para melloralo. Cada día máis, as publicacións científicas están dispoñibles gratuitamente na web. Segundo algunhas estimacións o 90% de todos os datos científicos dispoñibles foi xerado nos últimos dous anos e a produción desta información está a crecer un 30% ao ano.

A consulta, lanzada agora pola CE, tratará de afondar no coñecemento destas novas tendencias, así como solicitar opinións sobre as oportunidades que ofrece a nova ciencia 2.0 para reforzar a competitividade e a I+D europeas.

Segundo opina Máire Geoghegan-Quinn, comisaria europea de Investigación, Innovación e Ciencia, a ciencia 2.0 está a revolucionar o xeito de investigar, dende analizar e compartir datos e publicacións ata cooperar con xente de todo o mundo. Tamén inclúe os cidadáns na busca de novo coñecemento. Por iso, o proceso científico volveuse máis transparente e eficiente, e queremos oír as opinións dos cidadáns sobre como podemos garantir que a ciencia 2.0 sexa o máis beneficiosa posible para Europa”, destaca.

A UE aposta pola ciencia 2.0

Para Neelie Kroes, vicepresidente da CE e responsable da Axenda Dixital, a tecnoloxía dixital e as ferramentas ofrecen a oportunidade de transformar a investigación e a innovación. “Avanzamos cara á ciencia aberta e dixital, unha tendencia gradual, pero imparable. Esta tendencia, e o desexo de aproveitala, non vén dos políticos, senón das propias comunidades científicas e académicas”.

A CE xa integrou na súa política algúns aspectos da ciencia 2.0. En concreto, estableceu como obrigatorio o acceso aberto ás publicacións científicas que conten con axudas europeas no marco do programa Horizonte 2020.

Ademais, iniciou un proxecto piloto sobre datos de acceso aberto, financia proxectos científicos dos cidadáns e apoia ás infraestruturas electrónicas que fan que a ciencia 2.0 sexa posible.

Tanto a consulta como a información xeral poden atoparse no sitio web da Comisión Europea: A túa voz en Europa. Tamén se pode seguir o debate nas redes sociais, utilizando a etiqueta #Science20. O prazo para opinar finaliza o próximo 30 de setembro.

(Fonte: SINC)