Europa necesita producir máis chips con urxencia

A pandemia, primeiro, e agora a guerra de Ucraína puxeron a Europa fronte ao espello e exposto as súas principais debilidades. Tras décadas de apostar pola desindustrialización e as deslocalizacións, os países da Unión son extremadamente dependentes de terceiros en áreas clave como a dos semiconductores, o dispositivo tecnolóxico máis cotizado na actualidade.

A potente industria europea do automóbil leva meses sufrindo a falta de chips, con factorías traballando a medio gas ou directamente paralizadas pola falta de compoñentes. Segundo cálculos da Comisión, en 2021 non se puideron fabricar 11,3 millóns de coches e nalgúns Estados membros a produción diminuíu un 34% respecto de 2019, volvendo aos niveis do ano 1975.

“Ante este escenario, urxe que a Unión Europea invista en semicondutores, impulsando a súa ambición estratéxica de duplicar a súa cota de mercado até o 20% en 2030”, apunta a consultora Kerney nun recente informe. O diagnóstico é claro: se Europa quere garantir o seu porvir necesita recuperar a produción de chips, especialmente os de última xeración, os que son máis complicados de producir. “Europa era no ano 2000 un dos principais produtores de semicondutores do mundo, albergando case o 25% da capacidade de fabricación global, pero nestes intres a produción baixou ao 8%”, lembran desde a consultora norteamericana.

O xigante estadounidense Intel anunciou que investirá 33.000 millóns de euros en Europa para levantar fábricas de chips na rexión nos vindeiros anos. A primeira estará en Alemaña, a súa posta en marcha custará 17.000 millóns e non estará lista antes de 2027. Este investimento forma parte do plan da Comisión para recuperar a produción de semicondutores en solo europeo e que contempla masivos investimentos e substanciosas vantaxes fiscais para atraer a fabricantes.

Fonte: Expansión