Europa dispón de diferentes fórmulas para financiar a ciencia a través do Consello Europeo de Investigación. Un dos programas é o chamado Proof of Concept ou Proba de Concepto, que apoia economicamente a proxectos que explotan as oportunidades comerciais e o desenvolvemento de aplicacións prácticas dos seus traballos. María Giménez, investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, acaba de recibir unha destas axudas para continuar coa súa investigación centrada en explorar o potencial de baterías máis sustentables. O proxecto da científica galega foi o único de España que contará con este tipo de financiamento.
Giménez busca novos materiais alternativos ao tradicional ion de litio que permita prolongar a vida útil das baterías. Neste sentido estuda as posibilidades que ofrece a tecnoloxía zinc-aire, un modelo máis sustentable, con maior capacidade, baixo custo e máis seguras. «O novo prototipo podería en principio triplicar a duración do ciclo das celas nos sistemas actualmente dispoñibles, duplicando a produción de enerxía e reducindo nun 30 % o seu custo» explica.
As baterías de zinc-aire son sistemas cunha elevada densidade enerxética, capaces de acumular maior cantidade de enerxía que as actuais de ion de litio. Ademais, trátase dunha alternativa que ten un baixo impacto ambiental por incorporar zinc, un dos elementos máis abundantes na cortiza terrestre, polo que empregan materiais de alta dispoñibilidade. Este é sen dúbida un dos puntos máis positivos do traballo da investigadora, xa que os residuos que xera a produción de baterías atópanse entre os máis daniños para o medio ambiente.
Para chegar a ser un sistema de almacenamento eficiente, a nova tecnoloxía debe superar aínda algúns obstáculos no referente á degradación que ten lugar no cátodo e a corrosión do ánodo, que limitan tanto a reversibilidade como a duración destas baterías. «Na actualidade, a falta de enfoques que resolvan estas limitacións dificulta a aplicación práctica e a comercialización», sostén. Giménez completará o deseño do prototipo no Cidetec vasco, un centro tecnolóxico referencia internacional en temas de almacenamento enerxético.
Fonte: La Voz de Galicia