Estrella Galicia lanza unha cervexa con pementos de Padrón

Estrella Galicia presentou unha cervexa elaborada con pementos de Padrón, que supón o primeiro lanzamento da nova liña de cervexas de tempada “Fábrica de Cervexas Estrella Galicia”.

Esta liña contará con diferentes edicións limitadas ao longo do ano, que terán como factor común ingredientes naturais 100% galegos, tanto da terra como do mar, e mesmo, se é posible”, tamén do aire.

Así o avanzou durante a presentación o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, quen adiantou tamén que a idea é dar a coñecer este ano xa un segundo proxecto e en 2018 outros catro ou cinco.

Trátase de cervexas “craft” estacionais, que Rivera definiu como un proxecto non xa innovador, senón “disruptivo”, posto que non buscan “mellorar” o produto e o obxectivo é “facer algo novo”.

“Queremos divertir, por terra, mar e aire”, destacou, sobre unha cervexa que, segundo recoñeceu, “non saíu á primeira”, debido á súa complexidade, e que estará no mercado en torno a mediados de outubro.

Unhas pican e outras non

Estrella Galicia fabricará entre 10.000 e 15.000 litros da cervexa de pementos de Padrón, que está feita con lúpulo galego, ten 6,5 graos de alcohol e un picante que difire en función da apreciación de cada consumidor. “Se unhas pican e outras non, xa sabedes por que é”, chanceou o mestre cervexeiro Luis Alvar.

Os monxes franciscanos de Herbón son os responsables de introducir o cultivo dos pementos de Padrón en España, tras traer a súa semente da zona fronteiriza entre Estados Unidos e México, segundo recordou Ignacio Rivera.

Para a elaboración desta primeira cervexa de tempada, os mestres cervexeiros de Hijos de Rivera incorporaron durante o período de garda os pementos de padrón enteiros, logrando así os aromas e sabores que a singularizan.

A nova Fábrica de Cervexas Estrella Galicia Pementos Padrón poderá degustarse tanto en barril como en botella de 50 centílitros. Poderá atoparse, nas próximas semanas, nunha selección de cervexerías de adega e insignias de alimentación de España. É unha edición limitada e exclusiva, de forma que só se envasarán 16.000 botellas.

(Fonte: Innovamás)