Estrella Galicia desvelou cales son as seis startups gañadoras do seu programa de emprendemento colaborativo The Hop. Un certame no que participaron 420 emprendedores con 130 propostas de innovación nas áreas de comercialización, mercadotecnia, xestión, loxística, aprovisionamento e fabricación, entre outras.
As seis startups elixidas nesta I convocatoria dos Premios The Hop son Trucksters, Talentoo, Flexsas, Estrella-Day, Data Monitoring e Barley, que operan no ámbito big data, intelixencia artificial ou internet das cousas. Firmas que agora se integrarán nun programa de aceleración de cinco meses que se desenvolverá entre Madrid e A Coruña.
“Decidimos apostar por estes proxectos de base tecnolóxica para que entren en fase de desenvolvemento e aceleración dende dentro do noso propio ecosistema empresarial”, sinalan dende a compañía cervexeira. “A través deste programa buscamos converternos en panca de desenvolvemento para outras empresas emerxentes, como no seu momento foi Estrella Galicia, co obxectivo de crecer xuntos e avanzar nos seus respectivos proxectos. A nosa empresa incorporará, por un lado, a innovación tecnolóxica destes emprendedores nas principais áreas da nosa cadea de valor, como aprovisionamento, fabricación, loxística, xestión, mercadotecnia e comercialización. A cambio, estas startups recibirán a formación, mentorización e o impulso necesarios para desenvolver e acelerar os seus proxectos dende este ámbito de creación aberta”.
Os seis proxectos seleccionados por un xurado composto por directivos de Hijos de Rivera, empresa propietaria de Estrella Galicia, así como por expertos profesionais externos, son:
Trucksters
A tecnoloxía desta startup facilita ás empresas de transporte acceder a unha rede de condutores para que estes se releven en estrada e conduzan un mesmo camión ao longo dun traxecto de media e longa distancia. A solución axuda a optimizar o traslado do produto por estrada e chegar a novos mercados de forma máis eficiente e económica.
Talentoo
Plataforma de selección de persoal, cun modelo B2B, que conecta empresas contratadoras con seleccionadoras de forma sinxela e baixo un rexistro gratuíto. O sistema mellora os custosos procesos de emprego, actuando como único intermediario e provedor. O contratador elixe a tarifa que quere pagar e abóao só se incorpora o candidato.
Flexsas
Marketplace online para solucións de almacenamento baixo demanda. Conecta distribuidores e outros axentes do sector con operarios de almacéns. A iniciativa conta con centos de partners en Brasil, dende onde xestionan a distribución nas distintas canles de retail co obxectivo de reducir custos e aumentar as vendas en zonas máis remotas.
Estrella-Day
A súa tecnoloxía pretende subministrar cervexa fría a clientes nunha hora, grazas á migración cara ao Same-Day-Delivery. O obxectivo é optimizar as operacións a tempo real e conseguir novos consumidores, ao crear novas liñas de negocio e potenciar as existentes.
Data Monitoring
A solución consiste en deseñar, fabricar e programar un dispositivo de monitorización con IoT, de baixo custo e adaptado aos barrís de cervexa de adega. Por outro lado, inclúe unha aplicación móbil dende a que controlar distintos parámetros cos que poder facer estudos sobre o estado e o consumo do produto, así como a loxística para reposicións.
Barley
Plataforma de xestión e intelixencia orientada a bares, distribuidoras e produtoras de cervexa. Grazas a caudalímetros IoT, xérase o big data necesario para crear solucións de analítica, optimizar a toma de decisións, ofrecer un mellor servizo e aumentar vendas.
O obxectivo de The Hop pasa por identificar talento, desenvolver emprendemento tecnolóxico e fomentar a colaboración da compañía con startups e novos emprendedores. A partir de aquí, cada un dos equipos gañadores recibirá un premio en metálico de 10.000 euros, “non sen antes pasar pola Experiencia The Hop, un período de inmersión corporativa e cultural no que aprenderán dende A Coruña como facer crecer de xeito exponencial os seus proxectos e desenvolver as súas metas como startup, ao igual que fixo Estrella Galicia nas súas orixes hai 112 anos”. O proceso completarase con cursos de formación en Madrid, dentro do Espazo The Hop, dende onde os proxectos entrarán nunha fase de aceleración, avalados en todo momento por profesionais expertos.
(Fonte: Emprendedores)