Un panel solar que é capaz de xerar enerxía tanto de día como de noite. A startup madrileña Heat Energía desenvolve un novo tipo de dispositivos que, en realidade, non son paneis solares ao uso, é dicir, non son fotovoltaicos, senón que utilizan diferenzas de temperatura para producir a electricidade. Este é o motivo polo que xeran enerxía renovable tamén de noite e o fan sen necesidade de baterías ao aproveitar a luz do sol durante o día e os infravermellos que emite a Terra pola noite.
A idea de desenvolver este tipo de paneis inspírase no traballo do físico Shanhui Fan (enxeñeiro eléctrico da Universidade de Stanford) sobre a emisión en infravermellos da Terra ao Universo, é dicir, o que permite que o noso planeta “se arrefríe de forma radioactiva, porque ao igual que Sol radia enerxía, a Terra tamén”. Shanhui Fan, explica o cofundador e CEO de Heat Energía, José Antonio Moreno, investigou en utilizar isto como fonte de enerxía.
Os primeiros traballos de Moreno para implementar estas investigacións Shanhui Fan nun deseño que puidese escalarse ao mercado resultaron falidos polo custo: “Era demasiado caro, podería saír a 15.000 euros por metro cadrado e sen posibilidade de fabricar en serie” para abaratar ese custo inicial.
Por iso, en lugar de intentar sacar cantos máis vatios por metro cadrado mellor, modificou o deseño do proxecto para obter “a mellor relación vatios-custos”. Así xorde o primeiro prototipo do que hoxe é Heat Energía, recorda Moreno. Nel, esta startup madrileña aposta polos materiais termoeléctricos que transforman directamente diferenzas de temperatura en diferenzas de voltaxe, é dicir, en electricidade.
Durante o día, co sol créase calor e tamén se xera enerxía, pero durante a noite parte desa calor do día almacénase nun reservorio térmico para aproveitalo e, xunto co arrefriamento radioactivo, podemos producir tamén enerxía nesas horas nocturnas. “O reservorio térmico axúdanos a cumprir o obxectivo de sacar a mesma enerxía durante a noite que durante o día”, subliña Moreno para explicar esta almacenaxe no seu produto.
A superficie, en canto a materiais, que utilizan estes paneis é parecida á que usan os quentadores solares de auga: “Para o arrefriamento radioactivo tamén serve unha superficie negra que absorba ben a calor do sol”, detalla o CEO de Heat Energía, en referencia aos materiais que están estudando empregar de cara a mellorar os custos destes particulares paneis. Trátase dun efecto térmico que sofren todos os materiais por estar expostos ao ceo (todas as superficies se arrefrían), pero depende do deseño para mellorar o seu funcionamento e aproveitar esas diferenzas de temperatura para crear enerxía.
Polo momento, este deseño de panel, para o que están a traballar nun produto mínimo para o mercado, podería adaptarse aos dispositivos autónomos que agora necesitan baterías e paneis solares, como, por exemplo, os farois de moitas das chamadas cidades intelixentes. Este novo sistema sería capaz de substituír ambos os dous para aforrar custos ao longo da vida útil do dispositivo. “As baterías teñen un ciclo de vida máis curto: necesítanse catro cambios de baterías para durar o mesmo tempo que un panel”. Aínda que o custo estimado sería similar ao dun panel solar coa súa batería, con este sistema aforraríase a longo prazo ao non ter que renovalo, subliña Moreno.
(Fonte: La Razón)