Especialistas en coñecemento innovador avogan por universalizar as estratexias de cooperación

A Factoría de Innovación de Vigo reuniu hai uns días a un bo número de profesionais galegos relacionados co coñecemento para avaliar o ecosistema de innovación galego e os mecanismos de transferencia. Nela, os relatores coincidiron en que as administracións deben desenvolver novos mecanismos que aseguren que detrás dos proxectos de interese haxa colaboración para levalos a cabo.

Bea Monfort e Nuria Bueno, representantes do departamento de Proxectos de Tecnópole, deron a coñecer as oportunidades que achegan complexos de negocios e desenvolvemento como o que elas representan, o Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense (San Cibrao das Viñas). Oportunidades, dixeron, que teñen que ver en boa medida con ofrecer un escenario idóneo para que as empresas dean forma aos seus proxectos innovadores á vez que establecen ligazóns e alianzas con outras firmas da contorna, dando forma a iniciativas innovadoras. Como exemplo do valor engadido que ofrecen estes recintos, expuxeron os resultados das iniciativas de Tecnópole “5 Sentidos para Innovar” ou “Galiciencia”, a feira da mocidade investigadora que este ano destacou non só pola cantidade de participantes e enxeños mostrados, senón pola calidade dos mesmos.

Na xornada da Factoría de Innovación de Vigo tamén participou Lorenzo Pastrana, catedrático da área de Nutrición e Bromatoloxía do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, que explicou que para que un ecosistema de innovación funcione de maneira eficaz é preciso “que exista biodiversidade e que os seus integrantes se interrelacionen entre eles”. Ao seu parecer, o ecosistema galego de innovación está “ben consolidado”, en boa medida porque conta cunha importante rede de axentes que apostan polo desenvolvemento da I+D+i. Con todo, tamén recoñeceu que é preciso mellorar o tecido investigador, sobre todo pondo en xogo mecanismos de cooperación que permitan que funcione ao 100% das súas posibilidades.

Pola súa banda, Ricardo González, xerente do Clúster da Madeira de Galicia, explicou o papel dos clústeres no ecosistema de innovación, presentando algúns dos traballos realizados no sector da madeira. Máis polo miúdo, falou da implantación do Lean Manufacturing; do desenvolvemento do sistema Lingnum Facile para o intercambio de coñecemento entre o sector industrial e os principais prescriptores; e do recentemente aprobado Cloudwood, un traballo destinado á implantación de códigos QR no produto final e á posta en marcha dunha ferramenta de vixilancia competitiva que ofrece información específica aos socios do Clúster en función das súas necesidades.

A segunda parte da xornada centrouse na análise da eficacia da transferencia tecnolóxica e nas posibles melloras que se poden aplicar neste campo. Fernando Vázquez, responsable de Imatia Innovation, comentou que “o modelo de transferencia tecnolóxica tradicional só é válido para facer I+D+i por encargo”, polo que recomendou aos emprendedores que empreguen os resultados das investigacións que se están realizando nas universidades para crear as súas propias empresas.

Pola súa banda, Roberto Graña, director xeral de Blubusiness, sinalou diversos estudos actuais para lembrar que o 57% das empresas españolas nunca cooperaron cun centro de investigación ou tecnolóxico. Para corrixir isto, dixo, “habería que potenciar moito máis a cultura da cooperación e favorecer que desde as empresas se confíe máis nas universidades e vexan nelas un socio de I+D+i para realizar proxectos”.
 
Para finalizar, África González-Fernández, directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, explicou a súa experiencia como investigadora para crear cun grupo promotor a empresa Nanoinmunotech, que ofrece os seus servizos a empresas e centros de investigación, e avaliou os obstáculos aos que se enfrontan a diario desde a universidade para que a transferencia tecnolóxica poida chegar a materializarse.

(Fonte: Código Cero)