As entidades españolas -universidades, organismos e centros de investigación, empresas, centros tecnolóxicos ou fundacións- conseguiron financiamento para participar en 2893 actividades de I+D+i. Ademais, lograron coordinar 1407 delas, das que 378 son proxectos (15,2% do total), sendo o primeiro país en proxectos liderados, o que permite que as entidades obteñan maiores retornos e un mellor posicionamento estratéxico para xerar coñecemento.
No VII Programa Marco (2007-2013), España obtivo o seu mellor resultado dende que se crearon os programas de investigación da UE, cun 8,3% de retorno, ocupando a sexta praza da UE28. Nestes tres primeiros anos de Horizonte 2020 estanse a superar os obxectivos que a Secretaría de Estado de I+D+i se marcara para todo o programa: un 9,5% de retorno medio e un 10,5% de proxectos liderados.
Áreas destacadas
En saúde, unha área importante cunha gran dotación, España pasou de conseguir o 5,5% dos fondos europeos do VII Programa Marco ao 7,7% actual (158 M€). En nanotecnoloxía, materiais e fabricación, o retorno español pasou do 11,1% ao 14,6%, mentres que a participación española en clima, medio ambiente e materias primas é a que máis retorno consegue, cun 14% da UE28 (122 millóns de euros).
En canto ao Instrumento PEME, moi importante en Horizonte 2020, España aparece tamén como o primeiro país por retorno cun 17,4% (181,7 millóns de euros).
As entidades que máis financiamento obtiveron foron o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), con 234 proxectos dos que lidera 84, a Fundación Tecnalia Research and Innovation, con 130 proxectos e 29 liderados, e a Universidade Politécnica de Cataluña, con 71 proxectos e 25 liderados.
(Fonte: La Vanguardia)