España segue apostando pola innovación automobilística

As últimas cifras dadas a coñecer pola Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC) botan que o sector da automoción alcanzou o ano pasado 904,6 millóns de euros de investimento en I+D+i. Un claro sinal de que os fabricantes de compoñentes apostan pola innovación e o desenvolvemento de novas tecnoloxías para o equipamento de vehículos.

O sector, que creceu en fabricación, exportación, consumo, emprego e balanza comercial, converteuse no terceiro motor económico de España tras o turismo e a industria agroalimentaria. E é que malia a crise, grupos españois como Ficosa, Gestamp, Antolín, Fagor Ederlan ou CIE automotive, entre outros, destinaron os seus esforzos durante o último ano a reinventarse e innovar.

Os sistemas de propulsión, combustibles alternativos, tecnoloxías de seguridade e mobilidade, novos materiais para diminuír o consumo e o firme reto por reducir as emisións contaminantes son algunhas das apostas nas que a industria de automoción está a traballar nos últimos tempos. Unhas liñas de investigación que marcan a folla de ruta dun sector que se propuxo incrementar en 600 millóns de euros o investimento en I+D de aquí a 2020.

Concretamente, a Asociación Española de Fabricantes de Equipos e Compoñentes para Automoción (SERNAUTO) propuxo a creación dunha entidade de colaboración público-privada co fin de que as administracións públicas e os fabricantes de compoñentes de vehículos vaian da man á hora de abordar os proxectos do futuro.

Pola súa banda, e debido a que todas as empresas do sector coinciden en que fan falta axudas financeiras para o desenvolvemento de novos compoñentes, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) abriu liñas de financiamento para os novos proxectos. “Ademais do financiamento, para que as empresas poidan levar a cabo os seus proxectos innovadores sempre é importante que conten co labor experto de empresas de consultoría”, destacou Carlos Bernardos, Manager de Financiamento da Innovación en Alma Consultoría Group, en referencia á identificación, tramitación e xustificación dos procedementos que carrexa a innovación.

(Fonte: Innovaspain)