España retrocede no ránking de innovación europeo

O último informe sobre a innovación en Europa indica que España retrocedeu dous postos nesta clasificación, situándose no número 19, detrás de Portugal e Malta. O documento presentado pola Comisión Europea revela que o nivel global de innovación dos 28 estados membros mantívose estable, pero advirte de que a crise afectou negativamente ao investimento en I+D das empresas, particularmente en países como España.

O informe Innovation Union Scoreboard 2015 (IUS) sinala que España perdeu dúas posicións en relación ao ano pasado e que o noso país é un “innovador moderado”, cuxo rendemento mellorara de xeito constante ata 2012. “A partir de entón o índice de innovación empezou a caer”. En 2014 este índice situouse nun nivel significativamente máis baixo que en 2007. En 2008 o rendemento era do 77% mentres que en 2014 foi do 69%.

“Xunto con Romanía, España é o único país cun descenso tan acentuado no nivel de innovación”, di o documento.

O IUS utiliza un conxunto de 25 indicadores clasificados en varias dimensións: recursos humanos, sistemas de investigación, finanzas e apoio, investimento das empresas, emprendemento, etc. A través deles, calcúlase un índice co que se crea o ranking.

A comisión indica que España está por debaixo da media europea na maioría deses 25 indicadores. De feito, só destaca en catro: publicacións científicas, marcas comunitarias, comercialización de produtos novos e taxa de poboación con educación universitaria.

“Os niveis de excelencia, atractivo e apertura dos sistemas de investigación españois achéganse á media da UE (cun crecemento do 6,4%) debido principalmente á coautoría en artigos publicados en revistas científicas internacionais, que se incrementaron nun 9,4%, sinala o informe.

O escaso investimento privado en I+D, acentuado pola crise e os baixos ingresos pola venda de patentes no estranxeiro son algúns dos principais déficits na innovación en España, segundo o organismo europeo. Ademais os investimentos procedentes do capital risco caeron un 17%.

“España non está a evolucionar como se esperaba e é algo que teremos que examinar. Creo que os políticos españois deben analizar estes datos e fixarse no que están a facer os países que obteñen mellores resultados”, dixo o comisario de Investigación, Carlos Moedas.

Líderes

Na clasificación presentada pola UE indícase que Suecia, Dinamarca, Finlandia, Alemaña e Suecia son líderes en innovación europeas, con resultados moi por enriba da media.

A continuación sitúanse Austria, Bélxica, Francia, Irlanda, Luxemburgo, Países Baixos e Eslovenia e Reino Unido cun nivel lixeiramente por enriba ou próximo á media.

Pola súa parte, o nivel de Croacia, Chipre, República Checa, Estonia, Grecia, Hungría, Italia, Lituania, Malta, Polonia, Portugal, Eslovaquia e España está por debaixo da media da UE. En último lugar están Bulgaria, Letonia e Romanía que van moi por debaixo da media.

Os efectos da crise

Entre as conclusións do informe, a Comisión Europea destaca que o nivel xeral da UE en innovación se mantén estable. Non obstante, a crise impactou de xeito considerable na actividade en I+D do sector privado. “O número de empresas innovadoras está en declive, ao igual que as innovacións das pemes, as solicitudes de patentes, as exportacións de produtos de alta tecnoloxía, os investimentos de capital de risco e as vendas de produtos innovadores”.

(Fonte: SINC)