España: primeira en financiamento da UE para pemes innovadoras

As pequenas e medianas empresas de España continúan marcando o ritmo no concurso de instrumentos para pemes da Comisión Europea, segundo cifras publicadas recentemente, e son as que reciben máis axudas como “motor de arranque”.

Na última rolda de solicitudes, as pemes españolas foron as máis exitosas, con 13 empresas seleccionadas para outorgarlles financiamento. Séguenas sete empresas italianas e cinco de Alemaña e Finlandia. O total de empresas seleccionadas ascendeu nesta oportunidade a cincuenta e oito dos 1651 presentados.

Segundo explican os expertos, isto débese non soamente a que España é o país que concursa máis solicitudes de empresas que necesitan do apoio inicial para poder comezar a súa andaina, senón tamén a que sen dúbida as súas ideas son creativas e innovadoras.

Bernd Reichert, xefe da unidade da Axencia Executiva da Unión Europea para as Pequenas e Medianas Empresas, aduce que o éxito de España e Italia ten dous fundamentos moi importantes:  o primeiro é que sitios como Milán ou Barcelona son grandes centros de innovación a nivel de toda Europa e o segundo é que ambos os dous países contan con excelentes capacidades de networking.

Por outra banda, Reichert recoñece que moitas empresas son incapaces de acceder a este tipo de financiamento, principalmente porque non coñecen este sistema e entende que se debe facer unha campaña maior de información para poder abranguer máis pemes innovadoras de Europa, que está seguro que as hai e moi boas.

Esta Comisión conta cuns 3 mil millóns de euros para investir con prazos que superan os sete anos; o programa ofrece bolsas simples e rápidas para estudos de viabilidade de innovación empresarial (Fase 1) e tamén para proxectos de demostración (Fase 2). Espera que ao redor de 7500 empresas reciban financiamento do programa antes de 2020.

Dende que se creou, xa investiu nunha gran cantidade de empresas. Entre elas está a que fabricará os vehículos híbridos aéreos que se revelaron como os avións máis longos do mundo e é un proxecto do Reino Unido.

Outros exemplos son os de Ecoalf de España, que fabrica roupa con residuos extraídos do mar, co que ademais de producir, é fonte de descontaminación, Holóxica, outra empresa británica, que converte os deseños de produtos en holograma 3 D dixitais que se poden utilizar para ver e verificar o deseño sen ter que investir na fabricación de modelos físicos ou DoReMIR, unha start-up sueca que se dedica a converter unha determinada canción en partituras.

O instrumento PEME

Instrumento PEME (Sme Instrument) é unha ferramenta orientada a apoiar proxectos de innovación que posúan un alto potencial de crecemento, de desenvolvemento e de internacionalización das pemes.

É capaz de sufragar ata o 70% dos custos considerados “subvencionables” e conta para iso con fondos propios. Os beneficiarios destas axudas poden ser tanto unha peme como un consorcio de pemes que presenten unha proposta baseada nun proxecto estratéxico e que posúa un alto valor tecnolóxico para o seu mercado ou sector e deben ter un estudo de I+D avanzado, xa que isto se considera clave tanto para o desenvolvemento empresarial, coma para a súa inserción no mercado.

O Instrumento PEME ten tres fases: a primeira inclúe un Estudo de viabilidade e un Plan de Negocio específico, unha segunda baséase no Desenvolvemento e a Demostración e a terceira oriéntase ao Apoio á Comercialización.

Os contratos específicos baseados en contratos marco para o presuposto operativo da EASME, así como os acordos de subvención concedidos pola axencia pódense atopar no Sistema de Transparencia Financeira da Comisión Europea.

(Fonte: Agencias)