España, peso pesado no mercado de drones

Os vehículos aéreos non tripulados, comunmente chamados drones, comezan a formar parte do día a día en labores de agricultura, mantemento de infraestruturas, actuacións de seguridade ou mesmo entretemento, e aínda que a súa presenza nas cidades aínda é limitada, o panorama podería cambiar en poucos anos.

A imaxe de ciencia ficción na que os cidadáns poden trasladarse nun taxi voador ou o dron repartidor de paquetes non forman parte dun futuro tan afastado, e España está na primeira liña do desenvolvemento de todo o ecosistema que poderá facer isto posible. Segundo o Plan Estratéxico de Drones elaborado polo Goberno en 2018, España contaba en 2016 con máis de 50 empresas especializadas no deseño e construción tanto de aeronaves non tripuladas como dos seus sistemas de control. A actividade de desenvolvemento e produción de drones durante ese ano situou a España no noveno posto a nivel mundial e o quinto a nivel europeo en número de modelos. Ademais, o 16% dos operadores comerciais rexistrados en Europa ese ano eran españois.

“En Europa alcanzaremos volumes de negocio directo de 10.000 millóns de euros para 2035. Para 2050, indirectamente estariamos a falar de até 45.000 millóns, cunha xeración de entre 250.000 e 400.000 postos de traballo. É un sector anticrise. Mentres que o transporte aéreo de persoas e mercadorías está a sufrir e acentúa a caída que xa vivía antes da Covid, nos drones non ocorre. O tráfico de pequenas cousas ou persoas en distancias curtas con estes vehículos pode tomar a alternativa. Certo investimento vaise a derivar ao mercado dos UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés)”, afirma Juan Enrique González Laguna, director da división aeroespacial en Everis.

Fonte: Expansión