España, no terceiro posto do ranking mundial de coworking

O coworking estase a consolidar en España como plataforma e novo modo de organización empresarial, para facer fronte aos complicados desafíos actuais derivados da crise financeira e a transición cara a unha economía dixital. Esta nova forma de organización do traballo está a actuar como motor do emprendemento e da innovación pois, segundo un estudo da Escola de Negocios da Universidade de Michigan, axuda a ser máis produtivo e a sacar maior rendemento ao potencial profesional individual. O noso país ocupa xa o terceiro posto do ranking mundial de coworking, precedida só por EE.UU. e Alemaña.

Mentres que os modelos tradicionais de organización de empresas se cinguen á idea de que os seus traballadores deben dedicarse a un ámbito ou disciplina laboral nun mesmo espazo e tempo, os novos paradigmas empresariais ofrecen oportunidades a emprendedores, autónomos, freelancers; e a grandes, medianas e pequenas empresas, a compartir o seu espazo con traballadores de áreas laborais diferentes á súa, nun mesmo espazo e practicamente ao mesmo tempo. Outra das vantaxes desta forma de modelo produtivo é o feito de compartir non só un espazo, senón tamén os gastos de Internet, aluguer e electricidade, entre todos os traballadores.

A situación económica de España está a facer que, pouco a pouco, o coworking (forma de traballo que permite a profesionais independentes, emprendedores, e pemes de diferentes sectores, compartir un mesmo espazo de traballo, tanto físico como virtual) se consolide como un novo paradigma de organización empresarial. A proba diso é que, neste aspecto, España ocupa xa o terceiro posto no ranking mundial de espazos laborais organizados baixo este sistema.

Economía ‘co’

Este modo de traballar uniuse ao que xa é unha corrente cultural e filosófica á hora de iniciar un proxecto, a economía ‘co’, que abrangue a cocreación, a colaboración, a cooperación, o traballo conxunto, o transporte colaborativo e mesmo o consumo colaborativo.

Todos eles son termos que demostran que algo está a cambiar a nivel de organización empresarial, e demostran que o traballo organizado deste modo pode triunfar, grazas ao esforzo solidario. Así o afirman neste estudo dous investigadores da Escola de Negocios da Universidade de Michigan (EE.UU.). Gretchen Spreitzer e Lyndon Garret falan no devandito medio do coworking como un medio de organización empresarial que axuda a ser máis produtivo, a sacar máis do potencial profesional individual e, en definitiva, a prosperar.

A idea orixinaria

A idea de compartir un espazo e reunir traballadores de diferentes disciplinas xurdiu no ano 2005 no piso dun novo programador informático, Brad Neuberg, cando este compartía piso con outros dous programadores en San Francisco (EE.UU.). Os tres decidiron abrir a súa casa, que era á súa vez o seu espazo de traballo, a outros informáticos para compartir a conexión a Internet e o café. O americano Neuberg tamén foi un dos fundadores de Citizen Space, un proxecto vinculado a idea de coworking que temos hoxe. Así, o Citizen Space é un lugar que ten o mellor dunha cafetería -o ámbito social- e o mellor dun lugar de traballo -a funcionalidade e a produtividade-.

Dende a cidade estadounidense de San Francisco o coworking estendeuse rapidamente a moitos países. Xa existen máis de 2000 centros de coworking en todo o mundo e, aínda que Estados Unidos segue na cabeza, Alemaña, Xapón e España uníronse a esta forma de traballo. Tamén é unha realidade crecente nalgúns países de Latinoamérica como México, Colombia ou Arxentina.

Os espazos de coworking son denominados “oficinas de traballo compartidas” e contan polo menos cunha mesa para cada traballador, e acceso a salas comúns. Estes centros ofrecen aos profesionais unhas instalacións que lles permiten realizar a súa actividade laboral con total profesionalidade.

Malia que estes espazos contan cuns gastos adicionais fronte á opción do chamado teletraballo, moitos dos coworkers prefiren traballar neles porque lles permite concentrarse máis que na casa, e ademais desconectar e separar a súa vida no fogar da vida laboral.

Ademais, os centros coworking permiten coñecer, interactuar e conectar con profesionais doutros ámbitos laborais e de perfís moi diferentes, polo que son unha vía de achegamento ao que se coñece como interdisciplinariedade, que xorde das sinerxías entre profesionais de diferentes campos pero con intereses comúns.

España, terceira no ranking mundial

O último Censo Global sobre Coworking 2013 revelou que o número de ‘coworks’ no mundo aumentou nun 89% durante o último ano. España consolídase como o terceiro país con máis espazos deste tipo para a posta en marcha dos chamados micro-negocios.

A nivel global, no mundo hai actualmente 2498 espazos de coworking. Se comparamos esta cifra coa de febreiro de 2012, na que os espazos de coworking eran de 1320, pódese afirmar que existe un boom a escala mundial de xurdimento e uso destas oficinas compartidas.

O incremento deste tipo de espazos deixa a porta aberta a un cambio de paradigma na organización e estruturación de moitas empresas de todo o planeta.

Tecnópole conta cunha sala de coworking aberta a novas incorporacións.

(Fonte: Tendencias21)