España é o cuarto país da UE que maior progreso logrou en materia de competitividade dixital durante o último ano, segundo o Índice sobre Economía e Sociedade Dixitais (DESI) de 2020 presentado pola Comisión Europea. Os principais avances anotáronos Irlanda, Holanda, Malta e España, moi por encima da media.
Na clasificación xeral do índice -elaborado con datos de 2019 e que por tanto inclúe ao Reino Unido-, España sitúase en undécimo lugar, con Finlandia, Suecia, Dinamarca e Holanda á cabeza (os países con mellor posición na UE son tamén líderes mundiais), seguidos de preto por Malta, Irlanda e Estonia.
O informe amosa que España ocupa o segundo posto na UE en materia de servizos públicos dixitais grazas “á oportuna aplicación dunha estratexia dixital por defecto en toda a súa administración central”. É o indicador no que máis destaca, moi por encima da media, cunha segunda posición no indicador de datos abertos co 90 % de puntuación máxima.
Ademais, o 82 % de usuarios de internet españois participa activamente nos servizos de administración electrónica, 6 puntos porcentuais máis que en 2019. O país tamén obtivo bos resultados no ámbito da conectividade (quinto lugar), pero situouse por baixo da media da UE nos indicadores de capital humano xa que, aínda que está a mellorar a súa puntuación, case a metade da poboación española carece aínda de competencias dixitais básicas e un 8 por cento nunca utilizou internet.
A CE sinala que o despregamento de redes de fibra óptica “segue a ser característica importante do mercado dixital español”, cunha cobertura do 80 % dos fogares, moi por encima da media da UE, do 34 %. A pesar das diferenzas entre as zonas urbanas e rurais, a cobertura de redes de fibra óptica no rural en España alcanza o 46 % dos fogares, por encima dos índices de cobertura tanto rural como total da UE (21 % e 34 %, respectivamente).
Fonte: El Correo Gallego