España lidera un proxecto para que os drons voen libremente por cidades

España, a través dun consorcio formado por Indra, o Centro avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais (FADA-CATEC), a Universidade de Sevilla, Enaire e o CRIDA (tamén coñecido como Centro de Referencia de Investigación, Desenvolvemento e Innovación en ATM), lidera un proxecto europeo -financiado pola Unión Europea, a través de H2020 e SESAR JU-, que pretende facilitar a irrupción dos drons en cidades e ámbitos rurais para prestar todo tipo de servizos na próxima década. O seu nome: Safedrone.

Apoiado tamén por Israel a través do IAI (Israel Aerospace Industries), este proxecto abordará, segundo o propio consorcio, “unha das maiores demostracións de voo realizadas en Europa ata a data, con drons e aeronaves convencionais compartindo un mesmo espazo aéreo a baixa altura”. Cabe dicir que todas as probas pertinentes serán realizadas no noso propio país, concretamente no Centro de Voos Experimentais ATLAS situado en Villacarrillo (Xaén).

“Pretendemos definir e detallar tanto servizos previos ao voo (rexistro electrónico, identificación electrónica, planificación e aprobación de voo) como servizos en voo (xeolimitación ou geofencing, seguimento de voos, información dinámica do espazo aéreo e tecnoloxías automáticas para detectar e evitar obstáculos)”, aseguran dende Safedrone.

Así mesmo, desenvolverán unha serie de servizos innovadores que conformarán o futuro U-space. Pero, ¿que é o U-Space? Segundo Safedrone, basicamente é o espazo aéreo europeo para drons capacitados ata os 150 metros. Por iso, tamén se facilitará o acceso dos drons ao espazo aéreo que se estende dende o chan ata os 120 metros de altitude, xa que as demostracións realizadas en Safedrone “axudarán a definir o contexto operacional destes servizos”.

“Os exercicios implicarán ata oito aeronaves de distinto tipo –drons e aeronaves lixeiras de á fixa e rotatoria– voando simultaneamente no mesmo espazo. Por outro lado, incluirán operacións máis alá da visión do piloto de drons en áreas rurais e semiurbanas, recreando situacións como a entrega de materiais médicos, xeración de mapas e control do uso do territorio”, explican.

(Fonte: Innovaspain)