O ámbito das ciberameazas empeorou desde hai algo máis de dous anos. O recurso ao teletraballo en moitas compañías supuxo unha oportunidade para os ciberdelincuentes. O roubo de información situou a España no primeiro posto mundial deste tipo de ataques, por diante de Turquía e Xapón, segundo as métricas anuais da compañía de ciberseguridade ESET.
Os ladróns de información (infostealers) medraron moito durante o primeiro trimestre de 2022 e a telemetría de ESET indica que seguiron con forza nos meses de maio e xuño. O principal sistema de ataque detectado é mediante software de roubo de información (spyware), pero hai tamén outro tipo de ameazas, como as de porta traseira (backdoor). Ademais do software de roubo de credenciais de diverso tipo, o estudo detecta que algúns troianos bancarios coñecidos incrementaron as súas ameazas. “No verán, eses ataques adoitan diminuír, para repuntar conforme rematan as vacacións”, apunta Josep Albors, director de investigación e concienciación de ESET España.
Os ataques que utilizan o correo electrónico tamén medraron excesivamente e España sitúase neste momento no terceiro posto mundial deste tipo de delincuencia, só superada por Xapón e Italia. O uso masivo do correo electrónico como vector de ataque ás empresas leva moitas décadas funcionando. O máis sorprendente é que estea en pleno auxe. Marzo pasado marcou un pico de actividade dos ciberdelincuentes para o uso deste método en España, segundo a telemetría de ESET.
O teletraballo levou a moitas empresas a pór en marcha sistemas RDP, para que o traballador poida operar desde o seu computador a distancia coma se estivese a traballar directamente desde un terminal dentro da mesma empresa. España, segundo ESET, é segunda, por detrás de Francia, nos ataques de forza bruta para acceder a eses escritorios.
Fonte: La Vanguardia