España é o terceiro país que máis proxectos e financiamento está a conseguir do programa Horizonte 2020

España é o terceiro país, tras Alemaña e Reino Unido, que máis proxectos e financiamento está a conseguir do programa europeo de investigación e innovación, Horizonte 2020. Con 38 convocatorias contabilizadas de 2014, as universidades, organismos de investigación e empresas españolas obtiveron 761 proxectos, que supoñen 224 millóns de euros.

As axudas logradas polas entidades españolas ata o momento representan o 10,63% do total. Un dato moi positivo se se ten en conta que o obxectivo marcado pola Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación é conseguir un participación do 9,5% nos sete anos que comprende Horizonte 2020 (2014-2020). No 7º Programa Marco, antecesor do actual, o retorno global español foi do 8%, mentres que no primeiro ano deste, 2007, foi do 6,5%.

A falta dalgunhas axudas por rexistrar de 2014, España é o segundo país que máis propostas presentou, cun total de 5604. Os 761 proxectos aprobados supoñen para as universidades, organismos de investigación e empresas españolas unha taxa de éxito do 14%, que é xusto a media europea.

A Secretaría de Estado de I+D+I puxera como obxectivo unha alta participación española en Horizonte 2020, que dispón de case 80.000 millóns de euros para sete anos.

Con 38 convocatorias contabilizadas, Alemaña é o país que lidera tanto o número de propostas presentadas (5993) como o de proxectos aprobados (932) e o financiamento (368 millóns de euros). Reino Unido aparece en segundo lugar, con 810 proxectos aprobados e 309 millóns de euros. Tras España aparece Francia, con 603 proxectos e 207 millóns; Italia, con 670 proxectos e 198 millóns, e Holanda, con 427 proxectos e 169 millóns de euros.

(Fonte: Ministerio de Economía)